A directora xeral de Patrimonio Natural compareceu en comisión parlamentaria

A Xunta reclama ao Goberno central que recolla na acta da conferencia sectorial que rexeitar a estratexia do lobo non implica perder o dereito a recibir fondos

Do Campo lamenta que non se recolleu con exactitude a intervención da ministra e que isto permitiu unha “interpretación torticeira” que supuxo a non transferencia a Galicia dos 4,3 M€ que lle corresponden dos orzamentos de 2022 para os gandeiros
 

Pon en valor o esforzo do Goberno galego para garantir a coexistencia entre esta especie e as actividades do sector primario e esixe que en 2023 o Ministerio “non marxine de novo á segunda comunidade autónoma” con máis presencia lobeira
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023

A Xunta reclamou ao Goberno central a rectificación da acta da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o pasado mes de xullo e na que se aprobou a Estratexia para a convivencia das actividades do medio rural co lobo e a súa conservación, logo de constatar a través da gravación da sesión, que non se transcribiu literalmente a intervención da ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.

 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, anunciou hoxe en comisión parlamentaria, que o Goberno galego remitiu unha carta ao secretario xeral Técnico do Ministerio no que se solicita que se inclúan na acta de forma literal as declaracións da ministra durante a referida reunión nas que afirma que, “se a Estratexia é aprobada, o voto en contra da mesma non implica un non respecto da Estratexia e que, polo tanto, tamén se deben respectar e executar os criterios de reparto” dos fondos para o lobo.

 

Do Campo lamentou que a “interpretación torticeira” que se fixo con posterioridade por parte do Goberno central da acta da intervención de Ribera supuxo a non transferencia á Comunidade dos 4,3 millóns de euros que lle corresponden dos orzamentos estatais de 2022 reservados para o lobo. “Uns fondos que irían dirixidos aos nosos gandeiros”, incidiu a directora xeral, quen engadiu que “esperamos que no reparto dos fondos deste ano o Goberno central rectifique e non marxine de novo á segunda comunidade autónoma de España que ten máis presencia de lobos”.

 

Ademais de insistir en que se clarifique que o voto en contra da Estratexia non supón que queden excluídas dos fondos aprobados, o Goberno galego tamén solicita que se reflicta na acta o modo ou a forma mediante o cal as comunidades fixeron saber ao Ministerio o seu voto favorable. “En definitiva, pedimos ao Goberno central claridade e transparencia”, aseverou Do Campo.

 

Compromiso do Goberno galego co sector gandeiro

Durante a súa comparecencia, e tras lembrar que a Xunta ten presentado un recurso contra a decisión do Miterd de bloquear ese traspaso de fondos, a directora xeral puxo en valor o esforzo que está a realizar o Goberno galego para garantir a coexistencia entre o lobo e as actividades gandeiras.

 

Nesa liña, a actualización do censo do lobo ibérico realizada pola Xunta entre 2021 e 2022 conclúe que existen en Galicia unhas 93 mandas reprodutoras, cifra superior ás 90 mandas estimadas no seguimento correspondente ao período 2013-2015 e que confirma un estado de conservación favorable da especie na Comunidade.

 

Así mesmo, Do Campo fixo fincapé en que o orzamento previsto para 2023 para a adopción de medidas de prevención fronte ao lobo ascende a 1,9 millóns de euros, contía que supón triplicar o esforzo económico destinado a prevención este ano e unha mostra clara da implicación e do compromiso da Xunta coa protección do lobo ibérico na Comunidade sen descoidar a defensa dos intereses dos gandeiros, un sector clave para garantir o futuro e o desenvolvemento sostible do rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023