A Xunta felicita ao equipo de fútbol sala Poio Pescamar como referente da igualdade a través do deporte tras 25 anos de traxectoria

Poio (Pontevedra), 4 de marzo de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de entrega da III edición Premio Muller do Ano de Poio que este ano recaeu no equipo de fútbol sala feminino Poio Pescamar, pola súa traxectoria de 25 anos a favor da igualdade de xénero no deporte.  López Abella puxo en valor o Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de 1º máximo nivel estatal de Galicia que a Xunta convoca desde hai tres anos e do que é beneficiario o club de Poio.  

“Os equipos femininos e todas e cada unha das xogadoras que os conforman son as mellores embaixadoras posibles dos valores que defende á Comunidade galega”, dixo a secretaria xeral, quen enxalzou o seu papel como “referentes” para divulgar a importancia do deporte como medio de fomento da actividade física saudable, como medio de socialización e cohesión social e como ferramenta de loita pola tolerancia. A Xunta presentou o pasado decembro o terceiro Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de primeiro máximo nivel estatal de Galicia, no que colaboran a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Vicepresidencia segunda e Consellería  de Presidencia, Xustiza e Deportes que conta cunha achega de 217.800 euros para apoiar 19 equipos. Desde a posta en marcha do primeiro plan en 2020, este programa leva destinados case 622.000 euros ao fomento da igualdade no deporte.

Data de actualización: 04/03/2023