A Xunta pon en valor as contribucións das mulleres xordas no eido asociativo, laboral e artístico

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, tomou parte hoxe no XV Encontro da Muller Xorda de Galicia que, co lema, Avanzando xuntas no camiño da igualdade celebra a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co apoio da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura.

A representante autonómica puxo en valor o recoñecemento que ante a conmemoración do Día internacional da muller se brinda ás mulleres xordas que destaquen polo seu labor no eido asociativo, laboral e artístico. Destacou ademais a importancia de encontros como o de hoxe, que permiten visibilizar as inquedanzas e necesidades destas mulleres así como construír espazos de intercambio e empoderamento.

A administración autonómica mantén estreita colaboración coa FAXPG que desde o ano 2009 se materializou en achegas por máis de 400.000 euros, no marco das liñas de apoios que a Xunta concede ás entidades de iniciativa social en apoio das mulleres, en especial das máis vulnerables, e de impulso ás entidades que as representan.

Data de actualización: 04/03/2023