Lorenzana sinala a importancia de impulsar o benestar laboral como factor clave para a mellora do emprego de calidade e a produtividade empresarial

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de entrega dos Premios 10 de marzo organizado por CCOO e a fundación que promove o sindicato

Apelou ao Diálogo Social para medrar e avanzar no progreso económico e social

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe, na entrega dos Premios 10 de marzo, ao Diálogo Social que, segundo destacou, está a permitir cumprir e avanzar en aspectos prioritarios para o Goberno galego como son o emprego de calidade e a implantación da igualdade real e do benestar laboral no tecido produtivo. Sobre o benestar laboral, incidiu na importancia de impulsar este concepto como “factor determinante” para avanzar cara unha economía máis adaptada á realidade e á demanda das persoas traballadoras.

Lorenzana apuntou que o benestar laboral permitirá acadar unha economía máis sostible e solidaria. “É preciso un novo enfoque do mundo do traballo, que revalorice as necesidades das persoas traballadoras a través da flexibilización de modelos como factor clave para a produtividade”, indicou. Así, lembrou que a futura Lei autonómica de igualdade, na que traballa a Xunta da man do Diálogo Social, dedica un capítulo enteiro á promoción do benestar laboral.

A conselleira de Promoción do Emprego insistiu para rematar na importancia do Diálogo Social e no seu papel como “garante do pluralismo e da efectividade das políticas públicas e para medrar e avanzar no progreso económico e social”.

CCOO e a Fundación 10 marzo homenaxearon nesta edición dos Premios 10 de marzo a José Paraños Pardos, sindicalista que participou na constitución da Federación de Ensino cunha vida dedicada á defensa dos dereitos das persoas traballadoras; Elías Vila Calveira, a título póstumo, polo seu legado no compromiso pola xustiza social; e ao colectivo Mulleres do 72 e, en especial, a Margarita Rodríguez e Fina Varela, como mulleres que concienciaron á poboación para a loita a favor da democracia e dos dereitos laborais e sociais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2023