A Xunta reforza a formación dos 100 docentes de apoio para a atención á diversidade que se incorporan ás aulas galegas ao abeiro do Programa Acompaña

Todos eles participaron na primeira xornada formativa específica celebrada esta semana, que inaugurou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández

Esta iniciativa, que se desenvolve xa no presente curso e con continuidade o vindeiro 2023-24, supón un investimento inicial de 2,25 M€

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2023 A Xunta reforza a formación dos 100 docentes de apoio para a atención á diversidade que se veñen de incorporar ás aulas galegas ao abeiro do Programa Acompaña, unha nova iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que arranca este curso.

Todos eles participaron esta semana nunha xornada formativa específica para afondar, desde a experiencia nas aulas, en aspectos da atención á diversidade, na que interviron distintos docentes especialistas para abordar temas como a orientación educativa, a lingua de signos ou a coordinación entre os centros ordinarios e os centros de Educación especial, entre outros

Na xornada tamén interveu a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que explicou que o Plan Acompaña, que leva aparellado un investimento inicial de 2,25 M€, está enfocado á mellora da formación do profesorado especializado en Pedagoxía Terapéutica e en Audición e Linguaxe tanto desde unha perspectiva académica como práctica. Nesta liña, o profesorado participante neste programa alterna formación didáctica enfocada á mellora das súas competencias e formación práctica nos propios centros educativos atendendo ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

“Isto -sinala a representante da Consellería de Educación- representa un paso adiante na prevención, detección e atención temperá a aquel alumnado que precise dunha atención educativa diferente á ordinaria”.

Compatibilizar formación académica e práctica

A través do Acompaña, os docentes seleccionados reciben formación específica co obxectivo de garantir un resultado exitoso na súa práctica na aula. Isto é, os programas formativos teóricos que se desenvolven para o profesorado complétanse cunha parte práctica con atención directa ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo. 

A combinación da formación académica coa formación práctica na aula responde a unha dobre finalidade: por un lado favorécese o desenvolvemento profesional deste profesorado especialista mediante o acompañamento na súa formación previa á incorporación á aula, e por outro, proporciónase ao alumno con necesidades o acompañamento docente necesario o que redunda nunha mellor atención educativa.

Os destinatarios desta atención docente son o alumnado de Educación Infantil e dos dous primeiros ciclos de Educación Primaria (1º, 2º, 3º e 4º curso) dos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación seleccionados nunha comisión constituída a tal efecto por técnicos da consellería no ámbito da Inclusión e da Inspección Educativa, tendo en conta o número de alumnado, o número de nenos con Necesidades de Atención Educativa e o profesorado de apoio co que conta o centro.

Na actualidade o sistema educativo galego conta con arredor de 4.000 profesionais dedicados de forma directa á atención á diversidade nos centros, o que supón un aumento de case o 50 % nos últimos sete anos. Este esforzo sitúa a Galicia como a comunidade autónoma máis inclusiva do Estado, co 93,5 % do alumnado galego con necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, moi por riba do 83 % de media estatal, segundo os últimos datos do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2023