A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais nas proximidades da praia de Santo Tomé cara á ría de Arousa, no concello de Cambados

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron o foco durante unha inspección rutineira nunha rede de augas pluviais situada na rúa Peirao de Santo Tomé

As mostraxes confirmaron a contaminación, identificando a orixe nun inmoble

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello, que procedeu á correcta conexión da acometida cara á rede de saneamento municipal
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais nas proximidades da praia de Santo Tomé cara á ría de Arousa, no concello de Cambados.

 

O punto de vertido foi detectado polo persoal do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, durante tarefas rutineiras de inspección que se levan a cabo nos distintos termos municipais do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

 

Os inspectores da Xunta localizaron o foco nunha rede de augas pluviais situada na rúa Peirao de Santo Tomé, nas proximidades da citada praia, constatándose a existencia de contaminación nas mostraxes realizadas no caudal que emitía a citada rede municipal.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona levaron a cabo a inspección da liña de pluviais afectada, o que permitiu localizar unha acometida irregular de augas residuais asimilables a urbanas procedente dun inmoble da mesma rúa.

 

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Cambados para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

Nunha nova inspección á zona, o persoal da Xunta verificou, mediante nova analítica,  que a correcta conexión da acometida cara á rede de saneamento municipal por parte da administración local permitiu a emenda do vertido irregular cara ao dominio público marítimo-terrestre.

 
Data de actualización: 03/03/2023