A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe as instalacións de MeteoGalicia

Galicia rexistrou máis de 25.800 raios en 2022, un 19 % máis que o ano anterior

Ángeles Vázquez presenta o avance do balance climatolóxico do pasado mes de febreiro, que se caracterizou por ser moi seco con temperaturas máximas moi altas e mínimas moi baixas

Valora os datos recollidos pola estación radiosondaxe, un sistema de exploración da atmosfera que permite coñecer a estrutura vertical dende o chan ata unha altura de 25 km por medio da medida das principais variables termodinámicas

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023

Galicia rexistrou 25.866 raios en 2022, un 19 % máis que o ano anterior, segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita realizada ás instalacións de MeteoGalicia.

Máis polo miúdo, houbo 61 días de treboada, sendo o verán o período no que se rexistrou o maior número destas xornadas -o 26 % do total anual-. Así, o mes de xullo destaca con 7.752 raios, o 30 % do total do ano. De feito, o día con maior actividade rexistrada destas características foi o 14 de xullo, cando se detectaron 5.820 raios.

Cómpre salientar que 2002 foi o quinto ano con máis raios da serie histórica, a conselleira explicou que, por provincias, Lugo rexistrou o 48 % dos total rexistrado, seguida de Ourense -25 %-, A Coruña -15 %- e Pontevedra -12 %-.

Balance climatolóxico

A conselleira tamén presentou o avance do balance climatolóxico do pasado mes de febreiro, que se caracterizou por ser moi seco con temperaturas máximas moi altas e mínimas moi baixas.

Así, cunha precipitación media acumulada de 27 l/m2, “converteuse no mes de febreiro máis seco dos últimos 10 anos e o terceiro máis seco do século XXI”, dixo Ángeles Vázquez. E, ademais, en comparación coa serie histórica, o valor medio das precipitacións para o conxunto do territorio galego foi un 79 % inferior ao período de referencia (1981-2010).

No que atinxe ás temperaturas, foron normais para un mes de febreiro. Rexistráronse unhas mínimas baixas con frecuentes aparicións de xeadas e unhas máximas elevadas, provocadas, principalmente, pola presenza de masas de aire cálido a mediados de mes.

Cómpre salientar que, segundo subliñou a conselleira, o balance do pasado mes desmárcase da tónica xeral deste inverno meteorolóxico, que abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro. Ese trimestre caracterizouse por ser cálido e húmido, debido ás temperaturas rexistradas en decembro, que o converteron nun mes moi cálido, e ás precipitacións acumuladas tanto ese mes como en xaneiro xa que foron períodos moi húmidos.

Radiosondaxe

A maiores, Ángeles Vázquez puxo en valor os datos recollidos pola estación radiosondaxe, un sistema de exploración da atmosfera que permite coñecer a estrutura vertical dende o chan ata unha altura de 25 km por medio da medida das principais variables termodinámicas a través dun globo sonda.

Da información recollida o ano pasado, salienta que a anomalía rexistrada no inverno de 2022, e que nos levou a unha situación de seca no verán, se reflicte nos datos do mes de febreiro, que, ao contrario que en 2023, foi moi cálido, unha situación que se notou mesmo nos niveis medios e altos da atmosfera. A altura á que teríamos que ascender para atopar os 0 ºC estivo en 3.300 metros de media, cando debería estar nos 2.000 metros, o que significa que a columna de aire estaba moito máis cálida do normal. Aínda así, nos últimos 10 anos non aparece un sinal de quecemento tan clara como en superficie.

Polo de agora non contamos cun período suficientemente significativo para chegar a conclusións sólidas, pero, tal e como salientou a conselleira, esta estación de radiosondaxe suporá unha ferramenta clave para coñecer tendencias a medio e longo prazo e poder estudar e analizar os efectos do cambio climático en Galicia desde o punto de vista atmosférico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023