A Xunta traslada ao Goberno central a posta en marcha en Galicia de medidas de dixitalización da xustiza financiadas con fondos europeos

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe nun acto previo á conferencia sectorial de mañá entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades para presentar as iniciativas

Informou de que o Goberno galego está a implantar 1.724 postos de traballo deslocalizados con escritorios virtuais, ademais de reforzar a protección en ciberseguridade e avanzar na dixitalización das salas de vistas dos xulgados galegos

Palma de Mallorca, 2 de marzo de 2023 O director xeral de Xustiza, José Tronchoni participou hoxe en Palma de Mallorca nun acto previo á conferencia sectorial de mañá entre os Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas. No acto de hoxe as autonomías trasladaron as medidas de dixitalización no ámbito da administración de xustiza ao abeiro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos fondos europeos Next Generation.

 

Así, a Xunta xa comezou a implantar medidas do coñecido Proxecto Cero financiado con estes fondos e destinado a investimentos en melloras da infraestrutura tecnolóxica e en proxectos de ciberseguridade. As actuacións enmárcanse tamén na estratexia estatal consensuada entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades do Plan Xustiza 2030.

 

Nesta liña, José Tronchoni explicou que no marco deste Proxecto Cero dotouse do equipamento necesario para a instalación de 1.724 postos de traballo deslocalizados, dos que medio milleiro corresponden á Cidade da Xustiza de Vigo. Trátase de postos de traballo dixitais seguros e fiables que permiten aos usuarios o acceso seguro ás aplicacións que precisan no seu día a día desde calquera lugar e dispositivo. Do mesmo xeito, adquiríronse licenzas para a implantación dun sistema de escritorio virtual ou VDI nestes 1.724 postos de empregados públicos ao servizo da Administración de Xustiza, que xa están a funcionar nuns 1.500. Estas dúas medidas supuxeron unha achega de case 2M€.

 

Cómpre lembrar que Galicia ten asignados máis de 5M€ para levar a cabo ata 2025 iniciativas relacionadas co Proxecto Cero destinado a mellorar a interoperabilidade dos elementos dixitais comúns e ao Proxecto 4 relacionado coa ciberseguridade.

 

O director xeral de Xustiza engadiu que, en materia de ciberseguridade, en todos os postos de traballo se sumaron ao antivirus convencional outras dúas solucións complementarias -Cytomic EDR e Microclaudia- que aportan unha protección avanzada ante ataques externos. Ademais, estase a impartir formación específica sobre seguridade a letrados e funcionarios da Administración de Xustiza, xuíces e maxistrados, fiscais e persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

 

Por outra banda, a necesidade de equipar as salas xudiciais galegas é unha prioridades da Xunta e neste 2023 completarase a renovación das salas de vista en todos os órganos xudiciais da comunidade en liña co modelo de sala de vistas dixitais que facilita a intervención telemática e o uso do expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que que o 70% das salas estean dixitalizadas e acollan un 30% de procedementos dixitais. En Galicia xa son dixitais 153 das 201 salas de vista, é dicir, o 76%.

 

A Xunta tamén dotou as salas de declaración dos medios técnicos e sistemas de información necesarios para celebrar actos procesuais presenciais ou remotos que se incorporen como documentos dixitais válidos ao expediente xudicial electrónico. Entre as innovacións aplicadas inclúese a modernización do sistema de información eFidelius co que se gravan os actos procesuais.

 
Estas medidas forman parte do Plan Senda 2025 da Xunta aprobado o ano pasado co obxectivo de consolidar os servicios xudiciais dixitais para achegar á cidadanía unha xustiza áxil, moderna e eficaz avanzando cara ao papel cero. Este plan, dotado con 43M€, estase a levar a cabo pola Vicepresidencia Segunda da Xunta en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Cómpre engadir que, no marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, o Goberno galego leva investidos máis de 127M€ en grandes obras xudiciais, a máis destacada a Cidade da Xustiza de Vigo.

Data de actualización: 02/03/2023