A delegada territorial, xunto coa directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez, participaron hoxe na entrega de premios do certame no CIFP Fraga

Martina Aneiros pon en valor a calidade da FP de restauración e servizos de Galicia no XXII Concurso Memorial Fraga do Eume

Alumnos do CIFP Paseo das Pontes, IES Sanxillao, CIFP Manuel Antonio, IES de Foz, CIFP Compostela, IES Vilamarín, CIFP Carlos Oroza, CRP Belarmino Fernández Iglesias, CIFP Fraga do Eume e da Escola de Especialidades Estación Naval da Graña tomaron parte nesta edición

Pontedeume (A Coruña), 2 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez Fernández, asistiron hoxe á entrega de premios do XXII Concurso de Cociña e Coctelaría Memorial Fraga do Eume, co que alzou o equipo anfitrión do CIFP Fraga, na modalidade de cociña, e o CIFP Compostela, tanto na modalidade de coctalería clásica como creativa.

No certame, tomaron parte 10 escolas de hostalería de Galicia (CIFP Paseo das Pontes, IES Sanxillao, CIFP Manuel Antonio, IES de Foz, CIFP Compostela, IES Vilamarín, CIFP Carlos Oroza, CRP Belarmino Fernández Iglesias e a anfitrioa, o CIFP Fraga, ademais da Escola de Especialidades Estación Naval da Graña como centro convidado).

A delegada territorial puxo en valor a traxectoria do certame e a calidade dos pratos e dos cócteles presentados nesta edición. No apartado de cociña, as propostas dos alumnos tiveron como ingredientes obrigatorios a corvina, a alga codium e o touciño de Porco Celta; mentres que o concurso de coctelaría, desenvolveuse como é habitual na modalidade de coctalería clásica e creativa, esta última co vodka Green Mixology e o zume de arandos como elementos clave.

“Unha das características fundamentais da cociña galega é alta calidade da súa materia prima, pero eu quero reivindicar a calidade da FP de restauración e servizos que se imparte na nosa Comunidade e da que hoxe damos conta como outra das claves do éxito”, indicou Aneiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023