A Xunta resalta a importancia da cooperación descentralizada no "XVI Encontro de comunidades autónomas e cooperación ao desenvolvemento"

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participa en Valencia no encontro, onde resaltou a necesidade de reforzar os vínculos cos axentes económicos e sociais, as universidades e os medios de comunicación para ampliar as alianzas no eido da cooperación ao desenvolvement

Valencia, 2 de marzo de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou, xunto con representantes das comunidades autónomas e do Goberno central, no XVI Encontro de comunidades autónomas e cooperación ao desenvolvemento, que se está a celebrar en Valencia.

Estes encontros xurdiron como espazos de debate e reflexión da cooperación descentralizada española co fin de buscar canles para una maior coordinación e complementariedade das accións de desenvolvemento das distintas administracións autonómicas e para plantexar propostas de traballo conxunto.

Así, nos últimos anos producíronse avances importantes no ámbito da coordinación interadministrativa, a través dos dous Convenios, asinados no 2015 e no 2018 entre a Cooperación Descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para a programación conxunta no ámbito da acción humanitaria, e do terceiro convenio que será asinado proximamente entre a AECID, 13 comunidades e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O XVI Encontro de comunidades autónomas e cooperación ao desenvolvemento centrou os seus debates arredor do tema da comunicación e a educación para o desenvolvemento. Aínda que na actualidade conflúen diferentes modelos e enfoques de comunicación, destacouse a oportunidade de recuperar a comunicación para o desenvolvemento como factor de cambio e transformación social, con capacidade para implicar á cidadanía na procura compartida de solucións para avanzar en equidade e xustiza global.

Jesús Gamallo incidiu na necesidade de incrementar os niveis de transparencia, rendición de contas e información pública mediante iniciativas que faciliten unha mellor visibilidade e comprensión das actuacións realizadas, do uso e destino dos fondos públicos e dos resultados acadados pola cooperación descentralizada.

Na mesma liña, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE destacou a importancia de reforzar no noso ámbito territorial, os vínculos coa sociedade civil, os movementos sociais, as universidades, os axentes económicos e os medios de comunicación, entre outros axentes relevantes, para ampliar a base social da cooperación no marco de alianzas para o desenvolvemento sustentable.

Do mesmo xeito, puxo en valor o proxecto do V Plan director da cooperación galega 2023-2026, que xa foi informado polo Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento e aprobado hoxe mesmo polo Consello da Xunta, e que proximamente será remitido ao Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023