A Xunta colabora na adquisición dun vehículo híbrido para a Policía Local de Ponteareas cunha achega de 33.600 €

A directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron o concello beneficiario das axudas impulsadas polo Goberno galego no marco do Fondo de Compensación Ambiental

O obxectivo é favorecer a renovación do parque móbil dos corpos de Policía local con equipamento máis sustentable

Nos últimos anos Ponteareas recibiu máis de medio millón de euros ao abeiro das liñas de apoio da Xunta ao eido local

Ponteareas (Pontevedra), 2 de marzo de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou hoxe o concello de Ponteareas como beneficiario da liña de axudas para a compra de vehículos eléctricos ou híbridos polo sistema de renting para uso das policías locais. Ao abeiro desta medida enmarcada no Fondo de Compensación Ambiental, o Goberno galego destinou 33.600 euros para cofinanciar as cotas da nova dotación municipal durante catro anos.

Segundo sinalou Natalia Prieto, trátase dun todoterreo híbrido enchufable adaptado como vehículo policial que lle permitirá ao corpo de seguridade local realizar de xeito máis eficiente os labores de vixilancia e protección. O servizo contratado coa colaboración da Xunta inclúe aluguer, matriculación e impostos, asistencia na estrada e mantemento, seguro de responsabilidade civil e servizo de reparación de danos propios, entre outros.  

 

Ponteareas forma parte así do máis de medio cento de concellos galegos beneficiados co apoio da Xunta á compra de vehículos eléctricos ou híbridos polo sistema de renting para uso das policías locais nos períodos 2021-2025 e 2022-2026, cun investimento global superior aos 1,6M€ enmarcados no Fondo de Compensación Ambiental. No caso da provincia de Pontevedra acolléronse a esta medida, ademais do de Ponteareas, os concellos de Baiona, Cangas, A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Mos, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño e Vilanova de Arousa.

 

Equipamento renovado e sustentable

Trátase de favorecer a renovación do parque móbil dos corpos de Policía Local de Galicia con equipamento máis sustentable. Os vehículos adquiridos mediante este sistema deben ser coches patrulla tipo turismo ou todoterreo especialmente equipados e transformados para o cumprimento das súas funcións. Inclúense os vehículos eléctricos, híbridos enchufables e non enchufables coas condicións para obter o distintivo ambiental Cero Emisións ou Eco.

 

A directora xeral enmarcou a iniciativa nas liñas de apoio da Xunta ás administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía, e a prol da mudanza cara a un modelo de mobilidade e transporte facilitador de contornas saudables.

 

Neste sentido referiuse ao conxunto de actuacións subvencionadas co Fondo de Compensación Ambiental a maiores das adquisicións de vehículos para a Policía Local, como melloras na contorna e nos servizos municipais de protección do medio natural, e que suman un orzamento global superior aos 11M€. Ademais, entre outras medidas, “os concellos galegos contan tamén con colaboración autonómica a través da orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5M€”, engadiu.

 

Natalia Prieto indicou que ao abeiro destas liñas Ponteareas recibiu nos últimos anos máis de medio millón de euros. Canto ao Fondo Base de Cooperación Local, só no ano 2022, a contía destinada a este concello ascendeu a case 712.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023