A Xunta vai recorrer contra a decisión do Goberno central de oficializar o topónimo Ría do Eo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid

Rueda explica que se presenta para que só sexa oficial a denominación ‘Ría de Ribadeo’, “o topónimo que se empregou sempre historicamente”

Argumenta que conta con “séculos de antiguidade” e cambialo vulnerla a Lei que salvagarda o patrimonio cultural inmaterial

Apunta que a Comisión de Toponimia de Galicia alerta de que esta decisión contradí informes oficiais da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos

Salienta que a Xunta conta co apoio neste recurso de organismos, como a RAG, o Consello da Cultura Galega ou expertos da Universidade de Santiago

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai recorrer ante a Xustiza a decisión do Executivo central de darlle carácter oficial á denominación ‘Ría do Eo’ para designar a ría en que desemboca ese río. Consecuentemente, argumentou que se defende que só teña oficialidade o topónimo ‘Ría de Ribadeo’, por ser o que “se empregou sempre historicamente” e tratarse dun “topónimo con séculos de antigüidade”, avalou.

“Non estamos sós”, aseverou o mandatario galego, quen refrendou o apoio do Goberno galego a este topónimo ao feito de que tamén outros organismos están a defender a oficialidade en exclusiva do topónimo Ría de Ribadeo e citou o concello desta localidade lucense, a Deputación de Lugo, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou expertos da Universidade de Santiago.

Débese lembrar que unha resolución do Instituto Xeográfico Nacional (IXN), ditada logo de informe preceptivo da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, estableceu en novembro de 2022 que ambos os topónimos debían ter o mesmo carácter oficial. A Xunta presentou, xunto con entidades locais e asociativas da Comunidade Autónoma, un recurso ante a Subsecretaría de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que foi desestimado o pasado mes de xaneiro. Por iso, Rueda explicou que o Consello da Xunta acordou hoxe presentar un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid contra a resolución do IXN do pasado novembro.
 
O mandatario galego apuntou que admitir unha alternativa de recente creación para un topónimo de séculos de antigüidade, como é o caso de Ría de Ribadeo, supón infrinxir a Lei 10/2015, do 26 de maio, que salvagarda o patrimonio cultural inmaterial, xa que constitúe unha agresión ao topónimo tradicional, tendo en conta que a toponimia tradicional está protexida.
 
Ademais, Rueda fixo fincapé en que a Comisión de Toponimia de Galicia tamén considera que dotar de oficialidade estes dous topónimos vulnera a normativa e contradí informes oficiais da propia Comisión Especializada de Nomes Xeográficos datados en 2008.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023