A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa celebra o Día Mundial da Natureza co alumnado do IES de Ponte Caldelas

O centro foi galardoado co primeiro premio da categoría B do certame ‘Innovagal’ polo proxecto ‘Da terra á nube: o monte vivo’

Ponte Caldelas (Pontevedra), 2 de marzo de 2023 A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, acompañou hoxe ao alumnado do instituto IES de Ponte Caldelas na celebración do Día Mundial da Natureza. O centro foi galardoado co primeiro premio da categoría B (para centros públicos integrados, institutos e centros públicos de educación e promoción de adultos) do certame Innovagal, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que avala o compromiso dos colexios e institutos coas boas prácticas en innovación educativa.

En concreto resultou galardoado polo proxecto Da terra á nube: o monte vivo, unha serie de accións coherentes e orientadas á defensa e promoción do espazo natural onde se sitúa o instituto, de tal xeito que o monte e o río Verdugo funcionan como fío condutor. A finalidade do proxecto é familiarizar ao alumnado coa xestión do monte como un moi importante elemento económico da comarca, para o que colaboran con outras institucións, como as comunidades de montes ou o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán.

A iniciativa comprende as accións Os meandros do río Verdugo, no que deseñaron e implementaron un sendeiro que percorre a área que teñen ao seu coidado e a participación en Plan Proxecta a través de Proxecto Ríos, Proxecto TERRA e Paisaxe e sustentabilidade. Ademais, a acción Polo río vai e vén: Tralas pegadas do Volframio incorporou a investigación histórica ao proxecto sobre os espazos naturais a través dunha mina da zona e acadou un premio sobre innovación en dinamización lingüística.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023