A Xunta inviste 675.000 € na transformación do peirao ribeirense de Palmeira para conectar a vila e o mar

A presidenta de Portos de Galicia supervisou esta mañá os traballos de mellora da mobilidade e accesibilidade na zona baseados nun anteproxecto do arquitecto David Chipperfield

Ribeira (A Coruña), 2 de marzo de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a executar desde o pasado mes de setembro as obras de mellora da mobilidade e accesibilidade do peirao de Palmeira, no municipio coruñés de Ribeira. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou esta mañá a zona para comprobar o avance duns traballos nos que a Xunta inviste 675.000 euros.

O obxectivo das obras é transformar este espazo de integración entre o porto e a vila eliminando barreiras visuais e redeseñando a imaxe da dársena para facela máis operativa para os profesionais do mar e atractiva para os veciños e visitantes.

A responsable do ente público, que estivo acompañada polo alcalde de Ribeira e o patrón maior de Palmeira, lembrou que se trata dunha actuación de referencia no ámbito da integración porto-cidade, baseada nun anteproxecto do prestixioso arquitecto David Chipperfield e a Fundación RIA. As obras en execución supoñen a primeira fase dun proxecto global máis amplo e céntranse na intervención nun espazo de 2.000 metros cadrados e en preto de 400 metros en liña da fachada marítima.

A presidenta de Portos explicou que ata o momento se executaron todos os bordes de obra e as canalizacións e que actualmente se está a traballar na grada grande de conexión co mar, que se atopa xa en estado moi avanzado. Tanto esta grada como outra máis pequena, ambas integradas sobre o propio noiro do paseo, conforman un dos principais atractivos do proxecto.

O conxunto das obras prevé a mellora do espazo público e da mobilidade mediante a ampliación da zona peonil a carón do mar sobre a coieira existente, eliminando a barreira visual que supón o actual muro de peche. Ademais, créanse novos espazos de lecer e mellórase a conexión do paseo co mar.

Susana Lenguas explicou que con estes traballos se ordena a circulación rodada a través da execución de pasos peonís elevados, que conectan o resto dos espazos públicos e a zona residencial co propio paseo. Así mesmo, inclúe a renovación integral de pavimentos e mobiliario urbano. Neste sentido, lembrou que a conservación destas obras unha vez estean executadas corresponderá ao Concello en virtude dun convenio asinado con esta finalidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023