A Xunta e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil promoverán 126 publicacións para o público máis novo nos mercados internacionais

O director xeral de Cultura e o presidente de Gálix presentan a nova edición do Catálogo de libros infantís e xuvenís de 2023 no que participan 21 editoriais

A primeira cita será a semana próxima na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña onde o Goberno autonómico contará cun expositor propio

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), Xosé Antonio Perozo, presentaron esta mañá a nova edición do catálogo de libros infantís e xuvenís editado co apoio da Xunta co que, durante este ano, se promoverán nas principais feiras e certames internacionais do libro un total de 126 publicacións e 21 editoriais que editan en galego e en Galicia para público máis novo.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a eficacia que esta ferramenta ten demostrado ao longo dos últimos anos, xa que recompila e promove as últimas publicacións para a mocidade escritas e editadas en Galicia para darse a coñecer noutros mercados. “É unha estratexia de internacionalización na que seguimos traballando no Plan Xeración Cultura, que centra un dos seus eixes na súa proxección exterior con determinadas accións como axudas á asistencia a foros profesionais e mercados audiovisuais e participación a feiras”, explicou.

 

O catálogo Galician Books for Children & Young Adults 2023 está elaborado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) co apoio da Xunta. É unha edición trilingüe, redactada en galego, castelán e inglés, traducida por Mercedes Pachecho e Roi Pérez e ilustrada por Víctor Ribas. A primeira cita internacional no que se distribuirá será na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña a semana próxima, entre o 6 e o 9 de marzo, para continuar durante todo o ano en posteriores certames do libro, como en Bos Aires no mes de abril, en Barcelona e Frankfurt no mes de outubro e en Guadalajara no mes de novembro.

 

Primeiras edicións nunha exposición

Anxo M. Lorenzo referiuse tamén a que o catálogo demostra o “gran presente e futuro” da literatura infantil en Galicia e ao seu “papel estratéxico” para contribuir “a gañar máis e máis lectores desde idades temperás”. Neste sentido, referiuse a iniciativas para promover esta literatura como a exposición que está aberta na Biblioteca de Galicia Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil, que se pode ver ata o mes de maio. Conta con preto de cen obras que simbolizan a evolución da literatura infantil e xuvenil galega na historia. Uns libros que queren ser unha invitación a coñecer mellor a nosa historia literaria, pero tamén un reclamo que nos leve a gozar da lectura doutra obras. O itinerario revisa diferentes épocas e xéneros literarios e Anxo M. Lorenzo avanzou que está prevista a adaptación da mostra para que itinere polos centros bibliotecarios da Xunta, así coma outros espazos que o demanden.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023