A Xunta reforza os servizos de autobús entre Miño e Betanzos os xoves pola tarde para atender o alumnado do IES As Mariñas

Na liña que conecta Miño e o centro de saúde de Betanzos créanse dous novos servizos de ida e volta con horas de paso pola parada do instituto próximas ao inicio e ao fin das clases dos xoves
 

Aténdese a petición municipal e das familias dos alumnos, ofrecendo servizos que reducen as esperas dos estudantes a arredor de 10 minutos
 

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

A Xunta reforzará desde o vindeiro día 9 de marzo os servizos de autobús dos xoves pola tarde entre Betanzos e Miño para facilitar, principalmente, os desprazamentos dos alumnos de Miño do IES As Mariñas.

Así, na liña que conecta en ambos os dous sentidos o centro de saúde de Betanzos e Miño, créanse dous novos servizos, de ida e volta, en horarios próximos ás clases da tarde do instituto, análogos aos que existen os martes para os estudantes do IES Francisco Aguiar.
 
Para a entrada, os alumnos de Miño contarán cun servizo que sairá ás 15,48 horas e terá a chegada prevista á parada do instituto ás 16,12 horas. Para o regreso á casa, o servizo sairá ás 18,10 horas desde Betanzos.
 
Estes horarios establecen uns 10 minutos de marxe entre as horas de paso do autobús e a xornada lectiva da tarde.
 
Con estas melloras no servizo, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende as peticións trasladadas polas familias do alumnado e polo Concello, ofrecendo servizos que reducen as esperas dos estudantes.
 
Nestes servizos, como en todo o transporte público da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, mentres que o resto de usuarios poden beneficiarse dos descontos da tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG).
 
Actualmente, máis de 1.500 mozos e mozas de Betanzos e Miño viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses da Xunta empregando a tarxeta Xente Nova.
 
A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 02/03/2023