Galicia destaca na loita contra a trata ao contar cun plan autonómico específico e considerar ás mulleres afectadas como vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nas xornadas ‘A escravitude silenciada’ na Facultade de Psicoloxía de Santiago

Lembrou que Galicia xa recoñece ás mulleres e nenas afectadas por explotación sexual como vítimas de violencia de xénero polo que poderán optar, desde este ano, ás axudas económicas e recursos destinados a estas

Reclamou do Estado o mesmo compromiso que Galicia mantén na loita contra a trata, a través do deseño dunha lei orgánica, que aínda non viu a luz, e que deberá regular a prevención, a eliminación de publicidade sexual e a protección ás vítimas

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe mesa nunha mesa redonda sobre trata: A escravitude silenciada, celebrada na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago, na que puxo de relevo o papel referente de Galicia nesta loita, que exemplificou en dous compromisos: o I Plan Galego contra a Trata 2022-2024 que sitúa a Galicia entre as comunidades punta de lanza que traballan contra esta problemática; e a equiparación, tanto das vítimas de trata, como das de explotación sexual -estas últimas desde este ano- coas da violencia de xénero a  efectos de acceder a recursos e axudas económicas.

López Abella subliñou, así, que Galicia é unha das catro comunidades autónomas, xunto con Andalucía, Illas Baleares, e Madrid en dispor dun plan vixente contra a trata. “O I Plan Galego contra a Trata é un documento estratéxico, elaborado mediante un proceso participativo e que artella medidas e políticas para dar unha resposta integral e coordinada a estas mulleres”, reflectiu a secretaria xeral.  

Doce organizacións -Accem, Cáritas Diocesana de Ourense, Santiago e Lugo, Cruz Roja, Ecos do Sur, Amaranta, Asociación Faraxa, Hermanas Oblatas do Santísimo Redentor de Ferrol, Aliad Ultreia, Médicos do Mundo e Fiet Gratia- colaboraron na confección do plan, subliñou López Abella, quen indicou que recolle a “resposta integral e coordinada que a comunidade brinda ás vítimas de trata, principalmente mulleres e nenas”.

Galicia xa era referente na elaboración dun instrumento específico de actuación no ámbito de trata con fins de explotación sexual coa aprobación, no ano 2010, do Protocolo de actuación institucional sobre a adaptación de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, en colaboración coa Fiscalía Superior.

O I Plan Galego contra a Trata deseñado para o período 2022-2024 vén reforzar aquel compromiso cun investimento de 7 millóns de euros para loitar contra esta forma de explotación e fortalecer os recursos transversais de atención integral das vítimas.

López Abella quixo subliñar que, aínda que a comunidade xa recoñecía desde o ano 2016 a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como violencia de xénero, “como novidade, desde este 2023, incluirase tamén como vítimas de violencia de xénero ás de explotación sexual, que tamén poderán acceder ás prestacións económicas que lles recoñece Galicia”. Deste xeito, remarcou, poderán acceder á axuda económica mensual e aos recursos de apoio xurídico, psicolóxico, social e á inserción laboral, entre outros.

Por último, a representante da Xunta reclamou que o Estado iguale o compromiso galego e artelle con urxencia unha lei orgánica para a loita integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, unha medida recollida no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, referendado por todas as comunidades autónomas e que, tal e como reclamou López Abella, aínda non viu a luz.

“O texto debe establecer medidas para a súa prevención, promover a eliminación de publicidade de contido sexual e poñer en marcha servizos e programas de protección social e recuperación integral das vítimas”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023