O conselleiro do Medio Rural supervisou hoxe a execución dunha queima prescrita na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha

A superficie na que a Xunta ten actuado mediante queimas prescritas no que vai de 2023 para avanzar na prevención dos incendios supera a media dos últimos 10 exercicios completos

José González sinalou que no que vai de ano lévanse efectuado máis dun cento de queimas prescritas en máis de 500 ha co gallo de reducir a carga de combustible e de crear descontinuidades para mellorar as capacidades de extinción

Apuntou que no 2022 tamén nos situamos nun 31 % por riba da media dos anos anteriores -con 627 hectáreas de actuación- pero que as condicións meteorolóxicas e a incidencia de lumes non permitiron ir máis aló, obxectivo que si se prevé acadar con creces este ano

No caso de hoxe, está previsto actuar en algo máis de catro hectáreas, nunha parroquia que foi afectada polos incendios forestais para contribuír a reducir o risco de lumes de alta severidade e para a conservación de formacións vexetais de interese

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, destacou hoxe que a superficie na que a Xunta leva actuado mediante queimas prescritas no que vai de 2023 co gallo de avanzar na prevención de incendios forestais supera xa a media dos últimos 10 exercicios completos. Así o salientou na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha, a onde asistiu para supervisar a execución dunha queima prescrita por parte do Servizo de prevención e extinción nunha superficie dunhas catro hectáreas, e onde tamén estivo acompañado por Cristina Fernández, investigadora do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, e por Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo.

Concretamente, o conselleiro sinalou que no que vai de ano téñense realizado máis dun cento de queimas para actuar en máis de 500 hectáreas de superficie, eliminando combustible vexetal como requisito clave para contribuír a unha mellor defensa fronte aos lumes. Apuntou que no pasado 2022 tamén nos situamos por riba da media dos anos anteriores -con 627 hectáreas de actuación- pero que as condicións meteorolóxicas e a incidencia de lumes non permitiron ir máis aló, obxectivo que si se prevé acadar con creces este ano. En concreto, actuouse nunha superficie un 31 % superior á da media dos 10 anos anteriores.

Deste xeito, perséguese crear descontinuidades en áreas como a de hoxe -que, neste caso, foi afectada ademais polos incendios- para conseguir que, de producirse un lume, se deteña na área tratada con queima prescrita. Así, búscase mellorar as capacidades de actuación dos medios de extinción e reducir -en consecuencia- o risco de incendios de alta severidade, ao tempo que se aposta pola conservación de certas formacións vexetais de interese. Ademais da queima prescrita realizada hoxe no concello de Santiago de Compostela, o Servizo de prevención e extinción tiña programadas outras catro queimas que suman 52 hectáreas.

Segundo explicou o titular de Medio Rural, previamente á súa execución procedeuse a labores de roza mecanizada con tractor para preparar os traballos que hoxe se están a realizar. Para que todo transcorra segundo o previsto, están pendentes un axente ambiental (xefe da queima), 3 brigadas e 4 motobombas con condutor, equipo humano imprescindible para garantir o éxito desta técnica que vén mostrando a súa eficacia nos últimos anos.

Tal e como dixo José González, este tipo de queima esixe un alto grao de tecnificación e coñecemento das condicións de execución para os obxectivos que se pretenden alcanzar porque se trata de reducir os combustibles de sotobosque sen afectar ao chan e ao entramado de raíces das que depende a vitalidade da vexetación.

Nesa liña, dende o ano 2020 a Consellería do Medio Rural desenvolve un procedemento de planificación e execución de queimas prescritas, que define unha serie de ventás de prescrición, como o marco de valores para as distintas variables que afectan ao comportamento do lume e rango de lume estimable e aceptable para a consecución dos obxectivos marcados para a queima. A información establecida nesas ventás de prescrición (número de días sen chuvia, temperatura, humidade relativa, humidade do combustible, velocidade do vento...) serve de referencia para determinar as condicións adecuadas para a queima.  

No aspecto temporal, as queimas prescritas tamén se ven limitadas polo estado fenolóxico da biota e de humidade do solo das áreas a queimar e pola incidencia de incendios forestais. Cómpre engadir que as queimas prescritas só están permitidas fóra da época de perigo alto e con índice de risco diario de incendio forestal baixo ou moderado.

Cabe apuntar que existen moitísimos exemplos de uso do lume prescrito como ferramenta para a xestión de hábitats en diferentes partes do mundo como Australia, Sudáfrica, Reino Unido ou os Estados Unidos. En Galicia, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán ten analizado os efectos do lume en comparación con outras técnicas preventivas en diferentes comunidades breixeiras con resultados moi positivos tanto na rexeneración natural da vexetación como para a conservación do solo. A apertura de descontinuidades en matogueiras resulta tamén moi favorable para a conservación da fauna e moitas especies vexetais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023