Rueda anuncia 83 M€ para impulsar 1,6 millóns de metros cadrados de solo industrial na área empresarial de Ourense

Enxalza que este investimento reflicte a aposta que está a realizar o Goberno galego por asentar empresas nesta provincia e en toda Galicia

Pon en valor o feito de que neste 2023 o Executivo autonómico ofrece 900.000 metros cadrados de solo urbanizado a prezos bonificados, do 30 % ou 50 %, en 37 parques empresariais

San Cibrao das Viñas (Ourense), 1 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o investimento de 83 millóns de euros para impulsar 1,6 millóns de metros cadrados do solo industrial na área empresarial de Ourense, que abrangue a ampliación dos parques de San Cibrao das Viñas e de O Pereiro de Aguiar, ademais da construción dun novo en Paderne de Allariz, e que considerou unha demostración da aposta que está a realizar o Goberno galego por asentar empresas na provincia.

“Sempre digo que non son as administracións as que xeran riqueza, son os emprendedores, os autónomos e as pequenas e grandes empresas. E a Xunta está para acompañalas no seu crecemento”, defendeu o presidente na visita, xunto á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao polígono empresarial de San Cibrao das Viñas.
 
Neste caso concreto, o polígono de San Cibrao da Viñas vai ser ampliado en 341.000 novos metros cadrados cun investimento da Xunta de 12,5 millóns de euros. Na actualidade, xa se está traballando en todos os trámites co obxectivo de licitar as obras de urbanización no verán e comezalas a finais de ano. Con eses prazos, calculou que se estaría en disposición de poñer en servizo a ampliación en 2025.
 
No caso de Paderne de Allariz, desenvolverase un novo parque que disporá de 1,1 millóns de metros cadrados para o que se investirán 56 millóns de euros. Neste intre, xa se está avanzando na súa tramitación. En canto á ampliación do parque empresarial de O Pereiro de Aguiar, vanse investir 14,4 millóns de euros para incrementar a súa superficie en máis de 200.000 metros cadrados.

Iniciativas para dar facilidades ás empresas

Rueda encadrou estas iniciativas na política de “esforzo importante” da Xunta de Galicia para contar con solo empresarial, co obxectivo de pór todas as “facilidades” para que se asenten as empresas, tal e como considerou que se reflicte no feito de que en 2023 se ofreceron preto de 900.000 metros cadrados en 37 parques empresariais galegos a prezos bonificados.

Nesta liña, puxo en valor que Galicia segue a ser a única administración que ofrece bonificacións en todas as parcelas da súa propiedade “unhas bonificacións que chegan ao 50 % en zonas como Ourense, e que noutros casos son do 30 % como mínimo”, precisou.

Ademais, tamén salientou a creación doutras figuras legais como a iniciativa empresarial prioritaria ou o proxecto industrial estratéxico para reducir prazos; ou a Lei de áreas empresariais de Galicia, unha norma que lembrou que é pioneira a nivel estatal para axilizar, simplificar e flexibilizar a creación de solo industrial.

“Se as empresas medran, medra a economía de Galicia”, aseverou o presidente, quen incidiu en que a Xunta está para “lles pór facilidades” sendo “áxiles” e comprobando as necesidades que teñen “e intentando adiantarse” co obxectivo, segundo concluíu, “de funcionar como unha Administración eficiente”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023