A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe as actuacións nesta estrada autonómica na que a Xunta está a desenvolver un ambicioso plan de mellora cun investimento global de 20 M€, boa parte en Poio

Ethel Vázquez destaca o investimento de máis de 1,7 M€ na mellora da mobilidade peonil e no reforzo da seguridade da PO-308 entre Fontenla e Combarro, en Poio, que será realidade no verán de 2024

Vázquez Mourelle sinala que o obxectivo é conxugar a mobilidade máis segura, sostible e saudable, coa execución dunha senda; e o reforzo da seguridade viaria, coa eliminación dun treito de concentración de accidentes

Habilitarase un itinerario mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, entre Fontenla e Combarro, de algo máis de 1,6 km, na maior parte pola marxe esquerda da estrada, aínda que se executará un pequeno treito pola dereita, entre a glorieta e o acceso ao IES de Poio

Esta actuación completarase con obras de pavimentación e disposición de mobiliario urbano como bancos, luminarias, unha fonte ou 4 novas marquesiñas para o autobús

Poio (Pontevedra), 1 de marzo de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca o investimento de máis de 1,7 M€ na mellora da mobilidade peonil e no reforzo da seguridade da PO-308 entre Fontenla e Combarro, en Poio, que será realidade no verán de 2024.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe a marcha da construción dunha nova senda e da execución de intervencións de mellora da seguridade viaria que a Xunta está a executar na PO-308.

Precisou que os traballos comezaron en xaneiro, coa execución do muro de pedra na zona do miradoiro e continuarán agora cos muros dos estribos da pasarela e co movemento de terras para o ensanche da plataforma.

O obxectivo das obras, tal e como destacou Ethel Vázquez, é actuar nun treito de vía de arredor de 2 km e incrementar a seguridade viaria. Detallou que se conxugan a aposta pola mobilidade máis segura, sostible e saudable, coa execución dunha senda; e o reforzo da seguridade viaria, coa eliminación do treito de concentración de accidentes.

Estas intervencións están financiadas cos fondos MRR do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través dos fondos europeos Next Generation EU.

Máis concretamente, habilitarase un itinerario mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, entre Fontenla e Combarro, cunha lonxitude de algo máis de 1,6 km, na maior parte pola marxe esquerda da estrada, aínda que se executará un pequeno treito pola dereita, entre a glorieta e o acceso ao IES de Poio.

A senda terá 2 metros de ancho e estará separada da estrada por bordo de formigón e sobreelevada 10 centímetros sobre a vía para unha maior seguridade. Na zona do rego da Cancela construirase unha pasarela en voadizo, ademais dun pequeno itinerario na vía municipal de baixada á Seca.

Esta actuación completarase con obras de pavimentación, sistema de drenaxe das augas pluviais e mobiliario urbano como bancos de madeira, papeleiras, luminarias, unha fonte, 4 marquesiñas, varanda de protección na pasarela e valo na senda ao parque da Seca e na zona do miradoiro.

Ethel Vázquez remarcou que ademais desta actuación, que propiciará que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro, tamén se vai executar a mellora da seguridade nesta estrada que soporta un tráfico elevado, cunha media de 12.000 vehículos/día, que se incrementa no verán.

Detallou que para tratar de atallar a accidentalidade neste treito se mellorarán distintas interseccións, entre elas, a de acceso ao IES de Poio, ademais de executar 2 novas glorietas, unha delas no acceso á zona da Seca.

Tamén se reducirán os xiros á esquerda, disporanse carrís de aceleración e desaceleración para facilitar as incorporacións á estrada e ampliaranse os abanicos de xiro para que sexan menos bruscos e máis seguros.

Avanzou que se completarán estas intervencións na PO-308 en Poio cun novo itinerario entre Combarro-Chancelas e Samieira, en cuxo proxecto se está traballando.

Lembrou que a Xunta conta coa experiencia da senda construída entre O Covelo e Raxó e dos traballos no treito de concentración de accidentes no miradoiro da Granxa, aos que destinou un orzamento de máis de 4 M€.

Subliñou que a  Xunta está a materializar un ambicioso plan de mellora da PO-308 para lograr unha vía máis segura, accesible e funcional, cun investimento global de 20 M€, boa parte en Poio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023