A Xunta adxudica a redacción dos proxectos de rehabilitación de dous inmobles en Ferrol Vello

O contrato refírese aos edificios localizados en Mercé 20-22 e Carme Curuxeiras 36-38 e foi adxudicado por un total de 95.892,50 euros, incluíndo a dirección das obras

O IGVS é propietario nestes momentos dun total de 19 inmobles en Ferrol e está tramitando a adquisición doutros 5 para destinalos a vivendas de alugueiro social

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra das rehabilitacións correspondentes aos inmobles emprazados en Mercé 20-22 e Carme Curuxeiras 36-38. Ambos inmobles, adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) por preto de 80.000 euros, forman a esquina entre as dúas rúas e están apegados.

O contrato foi adxudicado a López Noya Arquitectura y Urbanismo S.L.P por un importe de 95.892,50 euros. A empresa disporá dun prazo de tres meses para a redacción dos proxectos básico e de execución da rehabilitación de ambos inmobles, aínda que cómpre precisar que a vixencia do contrato se prolongará durante o tempo de execución da obra, xa que inclúe a dirección da mesma.

Actualmente o IGVS é propietario de 19 inmobles en Ferrol Vello cun investimento ata o de agora de preto de 1,2 millóns de euros. Todos os edificios e solares adquiridos na cidade enmárcanse no Programa Rexurbe, convocado por primeira vez en 2018 co fin de actuar de forma directa sobre conxuntos históricos degradados a través da compra de inmobles para rehabilitar e destinar as vivendas resultantes a alugueiro social.

Neste sentido, cómpre lembrar que Ferrol é o municipio galego no que a Xunta adquiriu máis inmobles ao abeiro deste programa e ademais está tramitando a compra doutros 5 por importe de máis de 425.000 euros ao abeiro da convocatoria realizada en 2022.

Un destes inmobles está completamente rehabilitado e as vivendas xa foron entregadas aos seus adxudicatarios. Os restantes 18 atópanse en diferentes fase de licitación ou de redacción de proxectos.

Data de actualización: 01/03/2023