A delegada territorial, Martina Aneiros, inaugurou esta mañá na Delegación esta mostra itinerante da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

A Xunta achega a través da exposición ArteNon a mirada crítica de doce ilustradoras en torno á violencia de xénero

A exposición está composta por doce pezas gráficas materializadas na forma da palabra NON e acompañadas dunha referencia biográfica de cada unha das artistas xunto cunha sinopse da obra

Permanecerá exposta na sede da Delegación Territorial de Ferrol ata o próximo 9 de marzo, para posteriormente trasladarse ao centro comercial Dolce Vita Odeón (Narón) e finalizar o seu itinerario pola comarca ferrolá no Centro de Formación Ocupacional de Caranza

Ferrol, 1 de marzo de 2023 A exposición ArteNon, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, recala este mes de marzo en Ferrol para achegar unha mirada crítica en torno ao concepto da violencia de xénero. A delegada territorial, Martina Aneiros, inaugurou esta mañá na sede da Delegación a mostra que integra a visión artística contra a violencia de xénero de doce ilustradoras do panorama galego.

Aneiros puxo en valor o traballo destas artistas “de diferentes idades e experiencias á hora de empregar a arte como altofalante da reivindicación da igualdade de xénero e como empoderamento feminino contra as agresións machistas”.

A exposición, que ven de recorrer as outras seis cidades galegas, está composta por doce pezas gráficas materializadas na forma da palabra NON e acompañadas dunha referencia biográfica de cada unha das artistas xunto cunha sinopse da obra. As autoras das ilustracións son Andrea López, Candela Piñeiro, Alicia Suárez, Julia Gema, Eva Carballeira, Aurora Cascudo, Paula Cheshire, Paula Mayor, Abi Castillo, Idoa de Luxán, Lara Torres e Laura Tova.

“A violencia de xénero só pode admitir a repulsa como resposta, tanto por parte dos  poderes públicos como da sociedade que, en conxunción, deben avanzar con paso firme polo camiño da igualdade”, sentenciou Aneiros. A delegada territorial destacou o traballo da Xunta, a través do Observatorio galego contra a Violencia de Xénero, á hora de combater este problema social e desenvolver o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, dentro do que se enmarca esta exposición.

A mostra permanecerá exposta na sede da Delegación Territorial de Ferrol ata o próximo 9 de marzo para, posteriormente, trasladarse ao centro comercial Dolce Vita Odeón (Narón) e finalizar o seu itinerario pola comarca ferrolá no Centro de Formación Ocupacional de Caranza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023