A Xunta salienta a importancia da Estratexia de Internacionalización que suma outros 20 M€ este ano para consolidar o mellor ciclo exportador da historia de Galicia

O director do Igape, Fernando Guldrís, destaca no Parlamento o papel da Estratrexia como “folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes galegas, concentrando os esforzos, un ano máis, no impulso da dixitalización e a diversificación de mercados”

Á nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais -que destina 2,3 M€ a accións de internacionalización- sumaranse, nos próximos meses, as liñas Galicia Exporta cun orzamento conxunto de máis de 10 M€; o programa de xestores de internacionalización dotado con 1,5 M€; unha segunda edición da Aceleradora Galicia Avanza; ou a apertura de novas antenas comerciais en Tokio e Dubai

Lembra que estas antenas levan prestado, no seu conxunto, máis de 1.400 servizos ás empresas galegas, e que desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, apoiáronse preto de 1.000 plans de promoción internacional cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total de 20,7 M€

Subliña que o Galicia Exporta Organismos Intermedios impulsou preto de 150 iniciativas que se traducen en máis de 750 accións agrupadas cun importe de axuda de 8 M€, e que o Galicia Exporta Dixital suma máis de 400 plans de internacionalización dixital impulsados en máis de 90 países que mobilizan un investimento de máis de 17 M€

Santiago, 1 de marzo de 2023 O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, onde puxo en valor tanto a boa marcha das exportacións galegas, que están a acadar “rexistros históricos”, como o traballo que vén impulsando a Xunta en materia de internacionalización. Un esforzo que, como explicou, se traduce na Estratexia de Internacionalización, que suma este ano outros 20 millóns de euros na procura de seguir contribuíndo “ao mellor ciclo exportador da historia de Galicia”.

“As exportacións galegas aumentaron nun 18,3 % no conxunto do 2022 ata rozar os 30.000 millóns, o que permite a Galicia contar cunha balanza comercial de 2.802 millóns de euros, mentres que en España o saldo continúa a ser deficitario”, afondou Guldrís, quen expuxo que, de cara a seguir contribuíndo a estas “cifras récord”, o Goberno galego está a reforzar a súa colaboración co tecido empresarial.

Unha aposta, proseguiu, que se enmarca na Estratexia de Internacionalización “como folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes galegas, concentrando os esforzos, un ano máis, no impulso da dixitalización e a diversificación de mercados”.

Neste senso, durante os próximos meses, detallou o director do Igape, activarase unha nova convocatoria das liñas do Galicia Exporta cun orzamento conxunto de máis de 10 M€. Así, darase cobertura ás empresas galegas que queren desenvolver un plan para crear e adaptar os seus catálogos online e para posicionarse en canles de venda e marketing online –Exporta Dixital-, e incentivarase á realización de accións de promoción exterior -Exporta Empresas e Organismos Intermedios-.

Un traballo que complementa á nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais que destina 2,3 millóns a accións de internacionalización do tecido produtivo da Comunidade na procura de impulsar, durante este exercicio, preto de 200 misións en máis de 30 países.

Así mesmo, porase en marcha outra edición do programa de xestores de internacionalización que, dotado con 1,5 M€, facilita a adquisición de competencias profesionais e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior; ou impulsarase unha segunda edición da Aceleradora Galicia Avanza, que dará continuidade a unha primeira edición na que participaron 30 empresas -vinculadas sobre todo a sectores como o tecnolóxico, o biotech, así como servizos, sanitario e automoción- que tiveron a oportunidade de acceder a itinerarios, formación e asesoramento.

Ademais, continuou Guldrís, a Xunta seguirá acompañando ás empresas galegas a través das Antenas Igape, situadas en Casabranca, Miami, Cidade de México e Shanghái, estando previsto tamén expandir o labor comercial a novos mercados co inicio da actividade das antenas comerciais de Tokio e de Dubai. Ademais, manterase o servizo de licitacións internacionais, que facilita ás compañías galegas unha plataforma con información de contratación pública internacional.

Balance internacional

“Os empresarios galegos demostran estar á altura e merecen o maior apoio e recoñecemento para un labor que comprende unha gran capacidade de perseveranza e de saber afrontar novos retos, o que se traduce ao final no éxito da empresa internacionalizada”, salientou o director.

Un éxito que, como expuxo, está a acompañar o Goberno galego a través desta Estratexia de Internacionalización, “un documento vivo” que, como lembrou, contaba xa cun plan de acción inicial para o trienio 21-23 “no que nos atopamos inmersos”, dando continuidade ao labor xa feito nos últimos anos.

Neste sentido, proseguiu Guldrís, o compromiso da Xunta coa internacionalización ten permitido ás distintas Antenas do Igape prestar, no seu conxunto, máis de 1400 servizos ás empresas galegas. Así mesmo, desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, apoiáronse preto de 1.000 plans de promoción internacional, con accións de difusión, asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, e cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total de 20,7 M€.

No tocante ao programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, impulsáronse preto de 150 iniciativas que se traducen en máis de 750 accións agrupadas -nas que participan varias empresas acompañadas por un organismo intermedio- entre as que destacan as misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro (46,7 %), e as participacións como expositores en feiras internacionais (24,5 %), a máis de 50 países, cun importe de axuda de 8 M€.

E na aposta pola dixitalización, o Galicia Exporta Dixital facilitou ata o de agora máis de 400 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, mobilizando un investimento de máis de 17 M€.

Ademais, durante estes anos destináronse máis de 12 millóns á organización de misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes; achegáronse, desde ano 2016, máis de 3,3 M€ para a contratación de 189 xestores de internacionalización; e dotouse ao programa ReAcciona de novas posibilidades, con dúas novas liñas de análise de mercados internacionais e elaboración de plans estratéxicos adaptados ao novo escenario.

“Á vista desas metas acadadas, a Estratexia de Internacionalización é hoxe un dos mellores exemplos da cooperación co noso tecido empresarial”, subliñou o director do Igape. Unha colaboración, lembrou, que “ten permitido a Galicia rexistrar un novo récord histórico nas exportacións” cun crecemento constante en todas as provincias, “fito que nos fala da fortaleza do noso tecido produtivo”, e un incremento do 3,5 % no número das empresas galegas exportadoras regulares -aquelas que exportaron nos últimos catro anos-, que son xa 2.653.

“A fortaleza das vendas ao exterior alcanza, pois, a toda a Comunidade, e se prolonga no tempo: se no ano 2020 as exportacións representaban o 35,5 % do PIB, hoxe as vendas ao exterior representa o 43,4 %”, concluíu Guldrís.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023