A Xunta de Galicia e o Goberno de Asturias celebrarán este mes un encontro bilateral en Taramundi (Asturias) para abordar o reto demográfico

Os presidentes Alfonso Rueda e Adrián Barbón asinarán unha declaración conxunta para establecer mecanismos de cooperación contra o despoboamento no rural

A xornada para compartir coñecementos, experiencias e políticas terá lugar na Reitoral o venres 17

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia e o Goberno de Asturias celebrarán este mes un encontro bilateral en Taramundi (Asturias) para abordar o reto demográfico e sentar as bases da colaboración na loita contra o despoboamento rural, un asunto crucial para o futuro de ambas as comunidades, que comparten desafíos similares. Os presidentes Alfonso Rueda e Adrián Barbón asinarán unha declaración conxunta para establecer mecanismos de cooperación neste ámbito.

O encontro terá lugar na Reitoral de Taramundi o venres 17 e, entre outros asuntos, abordaranse a lexislación e gobernanza do reto demográfico, as políticas de emigración, inmigración e retorno; os servizos sociais e a innovación no ámbito rural.

A cooperación entre as dúas autonomías sobre políticas de interese común foi unha constante ao longo dos anos. Neste marco, os gobernos de Galicia e Asturias celebraron varias reunións bilaterais en Taramundi. A primeira remóntase a xullo de 1988, cando os presidentes Fernando González Laxe e Pedro de Silva encabezaron unha sesión de traballo na que se analizou a situación das comunicacións e o deseño de campañas turísticas conxuntas. Dous anos despois, en xuño de 1990, Manuel Fraga e Pedro de Silva organizaron un cumio astur-galaico centrado, de novo, nas estradas e a alta velocidade ferroviaria, asuntos que volverían abordar, en novembro de 1999, Manuel Fraga e Vicente Álvarez Areces. O próximo encontro entre Rueda e Barbón recolle o testemuño destas reunións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023