A Xunta alleará 28 lotes por case 700.000 € na próxima poxa pública electrónica de madeira que se celebrará na xefatura territorial de Pontevedra

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Consellería do Medio Rural, cuxa poxa se celebrará o vindeiro 19 de abril

Cómpre destacar que todos os lotes agás catro contan con certificación forestal sostible PEFC e 7 máis con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación máis implantados a nivel mundial

A plataforma telemática enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Amtega están a desenvolver conxuntamente

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023 A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicará 28 lotes de madeira por 667.230,22 euros na próxima poxa pública electrónica de madeira, que se celebrará o 19 de abril en Pontevedra. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.

En total, os lotes suman máis de 30.000 toneladas de madeira de piñeiro do país, piñeiro insigne e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese nunha absorción de CO2 de máis de 18.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

A maiores, cómpre resaltar que 24 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e sete máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación máis implantados a nivel mundial. Amais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Cabe lembrar que -como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

 

Data de actualización: 01/03/2023