A filloa da pedra trunfa en Madrid nunha demostración feita para a ocasión na Casa de Galicia

Madrid, 28 de febreiro de 2023 O director da Casa de Galicia, Juan Serrano, deu a benvida no día de hoxe a máis dun cento de persoas que abarrotaron a sala Emilio Pardo Bazán no acto de promoción de Filloas da Pedra.

Serrano, estivo acompañado por José Andrés García Cardeso, alcalde do Concello da Baña; José Manuel Mallón Ardións, cociñeiro profesional e membro da asociación; e por Mónica Tomé Rei, secretaria da Asociación Filloas da Pedra da Baña quen explicou aos asistentes que esta asociación foi creada no ano 2007 para recoller a tradición de cociñar sobre unha pedra un produto tan galego como son as filloas.

“Actualmente na Baña fanse filloas en pedras que levan traballando moitos anos, nalgúns casos máis de 200, xeración tras xeración”, afirmou Mónica Tomé.

A continuación, José Manuel Mallón Ardións, cociñeiro profesional, coñecedor do produto e comprometido na súa divulgación, fixo unha demostración aos asistentes da elaboración deste singular produto, emocionándose ao lembrar ás avoas da Baña que pasaron de xeración en xeración esta tradición culinaria.

Mallón explicou que este costume que os veciños da Baña conservaron ao longo de moitos anos, foi convertendo en arte a elaboración dunha masa de auga, fariña, ovos e sal callado sobre a pedra quentada con leña de carballo, o que lle imprime a este produto gastronómico unha particularidade única.

Por último, José Andrés García Cardeso, alcalde do Concello da Baña, explicou aos presentes a localización deste concello coruñés, a vinte minutos de Santiago, e convidou aos participantes neste encontro a visitar este concello.

A demostración rematou coa degustación de máis de duascentas filloas preparadas en directo para a ocasión que fixo as delicias dos asistentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023