Diego Calvo pon en valor a capacidade de Galicia para acoller probas deportivas de primeiro nivel como o Mundial J-80 Baiona

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na presentación desta competición internacional que se celebrará do 18 ao 24 de setembro e está organizada polo Monte Real Club de Yates de Baiona

Destacou o apoio da Xunta á vela a través da Federación Galega de Vela ou no mantemento do Centro Galego de Vela de Vilagarcía e puxo en valor os éxitos dos deportistas galegos nesta disciplina, mesmo nos Xogos Olímpicos

A proba en Baiona reunirá aos mellores regatistas do mundo nesta categoría, o que converterá ao concello e á toda a comunidade nun reclamo turístico tanto para afeccionados a este deporte como para os visitantes

Baiona (Pontevedra), 28 de febreiro de 2023 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na presentación do Mundial J-80 Baiona 2023 de vela que se celebrará en Baiona do 18 ao 24 de setembro. No acto, no que estivo acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, destacou que o feito de que esta proba internacional se leve a cabo, por primeira vez, en Galicia permitirá situar á comunidade como escenario ideal para acoller probas deportivas de primeiro nivel.

Destacou ademais que a proba en Baiona reunirá aos mellores regatistas do mundo na categoría J-80, o que converterá ao concello e á toda a comunidade nun reclamo turístico tanto para afeccionados a este deporte como para os visitantes.

Por iso, agradeceu ao Monte Real Club de Yates de Baiona ante o seu presidente, José Luis Álvarez e o seu comodoro, Ignacio Sánchez Otaegui, o esforzo realizado na organización da regata. Nesta liña, lembrou a traxectoria do club en competicións vinculadas aos monotipos J-80 creando dúas ligas específicas, unha de outono e outra de inverno. Tamén que cada ano celebra dúas das súas regatas máis emblemáticas: o Trofeo Príncipe de Asturias e o Trofeo Conde de Gondomar, que este ano chegarán á súa 38ª e 48ª edición, respectivamente. Avala ademais a capacidade de Monte Real ter sido anfitrión dos campionatos de España J-80 de 2018 e 2022. De feito, Juan Carlos Ameneiro, o vencedor do ano pasado do campionato nacional a bordo do Alboroto, estivo presente no acto de hoxe.

O Mundial J-80 Baiona deste ano será o cuarto que se celebrará en España despois dos de Santander en 2009, Sotogrande en 2016 e Getxo en 2019. A competición chegará a Galicia despois de pasar por Dinamarca en 2021 e o ano pasado por Estados Unidos.

Diego Calvo engadiu que o traballo do Monte Real Club de Yates de Baiona é un exemplo do potencial de Galicia polos deportes náuticos, incluíndo tamén as regatas con embarcacións da clase J-80 con barcos de 8 metros. Sinalou a aposta da Xunta pola vela través, por exemplo, da colaboración coa Federación Galega de Vela, que nos últimos anos supuxo unha achega de máis de 1,6 M€, aos que se sumarán este 2023 outros 292.500 euros. O apoio do Goberno galego nos últimos anos ao mundo da vela ascende a máis de 2,6 M€, xa que, xunto cos convenios anuais coa federación, tamén se inclúen axudas a equipamento, patrocinios de deportistas ou organización de eventos.

A Xunta promove ademais a vela desde o Centro Galego de Vela de Vilagarcía, un dos recintos satélites do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), do que a Administración autonómica financia o seu funcionamento e o mantemento. Desde a posta en marcha destas instalacións en 2010 desde este centro lévase a cabo a formación, a preparación e a especialización dos deportistas galegos nesta modalidade.

O vicepresidente segundo incidiu na importancia de fomentar o deporte base para que a vela galega teña un futuro prometedor coas novas xeracións e nomes como  Patricia Suárez, Tomás Vieito, Martín Wizner, Pablo García, Pedro Ameneiro, Toni Ripoll ou Iago López Marra, entre outros.

Así, o desenvolvemento dun programa deportivo de base -indicou- axudará a que saian nos próximos anos os relevos dos mellores regatistas da comunidade e se poidan revalidar os éxitos de Antón Paz e Fernando Echávarri nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008, de Támara Echegoyen e Sofía Toro en Londres 2012 e de Nico Rodríguez en Toquío 2020. Neste sentido, o vicepresidente segundo insistiu na importancia da vela para os vindeiros Xogos Olímpicos de París 2024.

Na súa intervención salientou a boa saúde da que goza a vela galega cunha evolución positiva de licenzas que na actualidade se achega ás 2.115, un 5,5 % máis que as cifras prepandemia e subliñou o aumento maior no caso das mulleres, que incrementaron as súas licenzas en máis dun 30 %, o que demostra o pulo do deporte feminino.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023