A Xunta financia con 30.000 € o acondicionamento do aparcadoiro do entorno da Casa Rectoral de Ares

A delegada territorial, Martina Aneiros, supervisou os traballos subvencionados ao abeiro da orde de axudas de Turismo de Galicia para concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas

A convocatoria deste ano conta un orzamento de 3 M€ o que supón un incremento do 200 % con respecto ao ano anterior

Ares (A Coruña), 28 de febreiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada de representantes municipais, visitou esta mañá as obras de mellora levadas a cabo no aparcadoiro da Casa Rectoral da localidade que contaron cunha subvención autonómica de 30.000 euros, a máxima posible, ao abeiro da orde de axudas de Turismo de Galicia para concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Como puido comprobar Aneiros, a actuación está vinculada á adecuación do espazo público destinado ao estacionamento de vehículos dos turistas que visitan o municipio, coa fin de reducir o impacto visual que producen e optimizar as rúas de acceso a interiores do entorno da antiga Casa Rectoral.

A representante da Xunta destacou que o obxectivo principal destas axudas é “fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos en concellos de ata 10.000 habitantes como é o caso de Ares de cara a consolidación da oferta turística nas zona rurais”.

Aneiros lembrou que está aberta a convocatoria deste ano que conta cun orzamento de 3 M€ “o que supón un incremento do 200 % con respecto ao importe da convocatoria do pasado ano”, destacou. O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 30.000 euros e o prazo para solicitalas remata o 31 de marzo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023