O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no Networking Galicia Empresa de Vilagarcía de Arousa

O comercio de proximidade pode solicitar a partir de mañá as novas axudas da Xunta para a dixitalización dos seus establecementos e servizos

Cun orzamento de 3 M€, estes apoios financian, entre outras actividades, márketing dixital, servizos de loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos

Conde apunta que seis dos concellos da comarca do Salnés son Concellos Emprendedores: Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 28 de febreiro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou hoxe de que, desde mañá, o comercio de proximidade e obradoiros artesáns xa poden solicitar as novas axudas da Xunta de Galicia para incentivar a dixitalización dos seus establecementos e servizos.

Nun encontro dentro do ciclo Networking Galicia Empresa, organizado en colaboración coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, Conde explicou que o orzamento é de 3 millóns de euros para financiar, entre outras accións, márketing dixital, servizos de loxística, posicionamento a través de páxinas web, ou a xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos, para o cal as axudas poden ser de ata 5.600 euros.

Segundo dixo durante esta xuntanza co tecido empresarial en Vilagarcía de Arousa, trátase dunha liña de apoios para fomentar que o sector do comercio e da artesanía poidan aproveitar todas as vantaxes da tecnoloxía e a venda en liña para poder estar dispoñibles os 365 días do ano en calquera lugar do mundo.

Conde subliñou que a dixitalización e a sustentabilidade son dous retos que afronta o tecido empresarial galego e que a Xunta traballa para que as empresas e os autónomos atopen un camiño fácil para desenvolver os seus plans de negocio. Nese sentido, mencionou a Lei de simplificación administrativa e os servizos da Oficina Galicia Empresa como instrumentos de acompañamento aos sectores económicos en Galicia. Tamén apuntou que seis dos concellos da comarca son Concellos Emprendedores: Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa.

O vicepresidente económico precisou que en xaneiro se crearon en Galicia un 6,49 % máis de empresas en comparación co mesmo mes de 2022, 22 máis. No que se refire á provincia de Pontevedra, a suba é case do 30 %, con 35 novas sociedades. E, en toda a comarca do Salnés foron 21, cun crecemento do 23,5 %.

Conde concluíu poñendo en valor o récord histórico que bateron as exportacións galegas en 2022, con case 30.000 millóns de euros, un 18,3 % máis que no ano anterior. Na provincia de Pontevedra a suba foi do 8,3 %, ata acadar os 13.073 millóns de euros, que representan o 3,4 % do total das exportacións do conxunto de España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023