A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade visitou Jim Sports en Palas de Rei (Lugo)

Lorenzana avanza que a Xunta destinará este ano 30 M€ para incentivar a contratación de mozas e mozos a través da nova edición do Plan Emprega Xuventude

Coñeceu de primeira man a traxectoria da firma de venda de material deportivo referente a nivel estatal que grazas a esta liña de apoios contratou tres persoas

A conselleira enxalzou o traballo da empresa de Palas polo seu compromiso coa contorna e como xeradora de máis de 120 empregos

O plan autonómico Emprega Xuventude aspira a beneficiar preto de 2.000 persoas

Palas de Rei (Lugo), 28 de febreiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións do grupo Jim Sports, empresa beneficiaria do plan Emprega Xuventude, co que o Goberno galego apoia a incorporación de mozas e mozos ao mercado laboral e que terá continuidade este ano con 30 M€ de orzamento.

Lorenzana destacou o papel decisivo que esta firma radicada en Palas de Reis ten para a economía local, provincial e autonómica. Puxo en valor a traxectoria de máis de 25 anos da empresa, integrada por sete firmas e que dá traballo a máis de 120 persoas; todo isto, subliñou, mantendo o compromiso coa súa contorna, pois desde esta sede central de Palas de Rei, o Grupo Jim Sports está presente en 35 países.

“Proxectos como o que hoxe estamos a coñecer amosa que se pode emprender e se pode crear unha actividade empresarial de primeiro nivel desde calquera curruncho da nosa comunidade autónoma”, afirmou a conselleira.

Jim Sports é o maior distribuidor de material deportivo en España e referente no sector. O proxecto naceu en 1997 da man de Jesús Manuel Graña. Na actualidade o conglomerado está integrado por sete empresas que se dedican á importación, venda nacional e exportación de material deportivo cun catálogo con máis de 17.000 referencias.

Jim Sports Technology e outra empresa do grupo, Sport Equipalia, que centra a súa actividade na fabricación de pistas de pádel, foron beneficiarias o ano pasado do Plan Emprega Xuventude da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Grazas a axudas por un global de 50.700 € puideron incorporar tres persoas ás súas plantillas.

“Emprega Xuventude é un plan que este ano conta con 30 M€ para contratar uns 2.000 mozas e mozos en toda a comunidade autónoma”, afirmou a conselleira, quen puxo de relevo esta iniciativa que permite atender ás necesidades de empregabilidade deste colectivo prioritario e poder brindar ás persoas traballadoras máis novas a súa primeira oportunidade laboral.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023