O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destes incentivos ás actividades formativas que se realicen desde o sector profesional durante este ano 2023

A Xunta outorga axudas a 9 asociacións profesionais e empresariais para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia cun investimento de 500.000 €

O obxectivo é mellorar as capacidades dos profesionais do sector en eidos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial

Tamén se promocionan iniciativas formativas noutros ámbitos de interese do sector, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto por parte de profesionais do taxi como por todos aqueles que realizan transportes internacionais

As entidades beneficiarias son asociacións ou federacións de transportistas integradas no Comité Galego de Transportes

A Xunta, con estes incentivos, posibilitou no ano 2022 a realización de 185 cursos, no que participaron un total de 2.360 alumnos

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixo pública hoxe a resolución coa listaxe das 9 asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, que se corresponden coa convocatoria do ano 2023.

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) poden consultarse as subvencións concedidas a cada unha desta entidades, que acadan un investimento da Xunta de 500.000 euros: https://acortar.link/Z46WtX

Estes incentivos van dirixidos ás entidades que se integran no Comité Galego de Transporte por Estrada, asociacións ou federacións de transportistas, co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo sobre materias de maior interese para os profesionais do sector.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez distribuíu estas axudas entre os plans formativos que acadaron as maiores puntuacións, atendendo aos diversos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte ou a promoción do idioma galego. 

O obxectivo que persegue o departamento de Mobilidade da Xunta con estas axudas é que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais.

De acordo co disposto na convocatoria de axudas, as entidades beneficiarias teñen de prazo ata o día 2 de novembro de 2023 para xustificar as actividades formativas realizadas durante este ano.

No ano 2022 realizáronse 185 cursos ao abeiro destes incentivos da Xunta, dos que se beneficiaron un total de 2.360 alumnos.

Data de actualización: 28/02/2023