O conselleiro do Medio Rural, acompañado do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, participou hoxe na Casa de Galicia nun evento para poñer en valor este selo

A Xunta enxalza en Madrid o distintivo de calidade Ternera Gallega Suprema como custodio do territorio e polo seu potencial gastronómico

Con esta, dan comezo unha serie de presentacións de produtos galegos con selo de calidade na Casa de Galicia en Madrid

José González reafirmou o compromiso do Goberno galego coa promoción e coa protección dos produtos con selo de calidade, tanto con feitos como con orzamento

No caso do eido cárnico, lembrou medidas como as axudas co gallo da covid-19 ou tras a invasión rusa de Ucraína, os 17 millóns de achegas extraordinarias ou a Estratexia sectorial que se vén de impulsar

Madrid, 27 de febreiro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, participou esta tarde nun evento na Casa de Galicia en Madrid cuxo obxecto era poñer en valor o produto diferenciado co selo Ternera Gallega Suprema. No evento, no que tamén estiveron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, así como o secretario general de Agricultura y Alimentación, Fernando Miranda, o conselleiro enxalzou esta marca englobada dentro da indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega -o indicativo de calidade de carne de vacún que máis certifica en España, lembrou, con case un 60 %- polo seu papel como custodio do territorio e polo seu potencial gastronómico. Con esta, dan comezo unha serie de presentacións de produtos galegos con selo de calidade na Casa de Galicia en Madrid.

Tamén ante o director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, e do presidente do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, -entre outras autoridades e asistentes- o titular de Medio Rural recordou que o acto de hoxe vén suceder á campaña de promoción a nivel nacional impulsada pola Xunta en colaboración con dito consello regulador para aumentar a sensibilización e o consumo dos produtos co selo Ternera Gallega Suprema, que contou cun orzamento de 1,4 millóns de euros.

Mostra do compromiso do Goberno galego con esta e outras producións de calidade, os 5,5 millóns de euros dedicados este ano á promoción de produtos agroalimentarios e medidas a prol da protección como as axudas aprobadas co gallo da pandemia da covid-19 ou tras a invasión rusa de Ucraína para o sector da carne, os 17 millóns extraordinarios convocados este ano, o protocolo de entendemento entre toda a cadea de valor deste eido ou a Estratexia de dinamización do sector cárnico que se vén de impulsar en xaneiro. No seu discurso, non quixo esquecerse tampouco da Lei de recuperación da terra agraria que está xerando sinerxías entre a xestión do territorio e as producións de calidade ou da futura Lei da calidade alimentaria.

Así mesmo, José González aproveitou a presenza do ministro de Agricultura para reclamar ao Goberno central que baixe o IVE da carne e do peixe como alimentos que son -aseverou- de primeira necesidade. O obxectivo -dixo- debe ser aumentar o seu consumo e evitar a desvantaxe competitiva e o prexuízo directo aos nosos produtores que supón a súa exclusión da rebaixa deste imposto.

Pola súa parte, o ministro de Agricultura louvou o labor dos gandeiros detrás de selos de calidade como o de Ternera Gallega e a importancia da diferenciación para consolidarse nos mercados nacional e internacional. Tamén do compromiso compartido entre a Xunta e o Goberno central a prol de garantir o seu futuro, con distintas medidas de apoio.

Ampla oferta gastronómica

Máis aló das intervencións institucionais, o acto de hoxe na Casa de Galicia en Madrid serviu para que os cociñeiros José Manuel Mallón, Miguel Fernández e Javier Rodríguez “Taky” elaborasen diferentes pratos con cortes de Ternera Gallega Suprema como protagonistas.

A finalidade é mostrar a súa calidade, pero tamén a versatilidade da carne con diferentes tipos de preparación e con maridaxes doutros produtos galegos con selo de calidade, como pode ser o queixo con denominación de orixe protexida San Simón da Costa, ou as producións con IXP de Fabas de Lourenzá, Grelos de Galicia, Castaña de Galicia ou Pan de Cea, ademais dos viños con denominacións de orixe Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras ou os Licores e augardentes tradicionais con indicación xeográfica.

Cabe lembrar que o produto distinguido co selo Ternera Gallega Suprema é o que procede de explotacións tradicionais con base territorial, con vacas nais e no que se garanten cando menos 7 meses de lactancia, dentro da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega. Así, destaca por ser unha marca de calidade diferenciada resultado da tradición e do respecto ao medio ambiente, que aposta polo benestar animal, pola biodiversidade e pola xestión do territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2023