A estratexia de xestión do cancro en Galicia recolle un novo programa asistencial de seguimento para as persoas que finalizan un tratamento oncolóxico

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou o aumento dun 70 % nos orzamentos da Xunta para este ano da partida para programas de cribado, no marco da xornada “Plans do cancro: de Europa a Galicia”

A folla de ruta dos vindeiros anos establece a creación dunha rede colaborativa con atención primaria e outras especialidades para a formación en determinadas patoloxías oncolóxicas

Santiago de Compostela, 27 de febreiro 2023

A Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia contempla “a incorporación dun novo programa asistencial de seguimento para persoas que finalizan un tratamento oncolóxico”, buscando, deste xeito, ofrecer unha mellor atención aos pacientes que xa pasaron por esta enfermidade. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inauguración das Xornadas: “Plans do cancro: de Europa a Galicia”, que tivo lugar no edificio administrativo do Sergas.

Este novo programa asistencial -explicou o conselleiro- diríxese ás persoas que finalizan un tratamento oncolóxico: longos sobreviventes. Neste senso, fálase de innovar explorando e describindo, nas áreas sanitarias, as necesidades das persoas caracterizadas como longos respondedores ou longos sobreviventes a través de grupos focais, entrevistas semiestruturadas ou outras metodoloxías adecuadas.

Así mesmo, tamén se fai alusión á optimización do coñecemento que os equipos asistenciais teñen deste colectivo, adaptando a súa práctica asistencial ás súas necesidades. No apartado da innovación, relacionado coa conexión e promoción da xeración de coñecemento práctico e apoio entre iguais, incídese nos grupos de discusión para compartir desde a experiencia información vencellada ás formas de afrontamento do estrés causado, autocoidado ou secuelas, co acompañamento do equipo asistencial.

Outro dos puntos que se recollen na Estratexia, fala da posibilidade de crear novos programas asistenciais específicos, axustados a este perfil de pacientes. Ponse como exemplo os programas de rehabilitación especialmente deseñados para pacientes oncolóxicos.

A Estratexia galega, coordinada co Plan Europeo de loita contra o cancro, tamén recolle, -proseguiu o responsable do Sergas-, “a creación dunha rede colaborativa con atención primaria e outras especialidades para a formación en determinadas patoloxías oncolóxicas, especialmente no caso daquelas que requiran dun diagnóstico precoz”.

Tal e como remarcou o conselleiro, “Galicia é pioneira na introdución e extensión de cribados poboacionais, e dende o Goberno galego seguimos a apostar por esta liña de actuación, co aumento dun 70 % da partida para cribados nos Orzamentos da Xunta para este ano, ata chegar aos 2,6 millóns de euros”.

Para acadar o obxectivo de reducir a incidencia do cancro na poboación galega, Comesaña incidiu en que a Estratexia propón intervir e controlar os factores de risco, “fomentando estilos de vida saudables, e incidindo na necesidade da prevención e no aumento dos diagnósticos temperás, fundamentais para atallar con éxito o cancro”.

“O que queremos é proporcionar unha maior tranquilidade ao doente ao longo do seu tratamento e garantirlle a mellor calidade de vida posible, por iso consideramos importante avanzar en mellorar a información aos pacientes diagnosticados e a súa contorna”, -subliñou o titular da carteira sanitaria da Xunta-.

É, así mesmo, fundamental, na loita contra o cancro, o aumento da capacidade investigadora. Ao respecto, Comesaña dixo que, no pasado ano, conmemorouse a posta en marcha de unidades de ensaios clínicos en fase temperá en Santiago e A Coruña. Nesta mesma liña, “contemplamos o deseño de algoritmos que, utilizando a historia clínica electrónica e o big data, sexan quen de identificar factores de risco para o desenvolvemento das distintas enfermidades oncolóxicas, así como establecer perfís de antecedentes e identificar ás persoas sobre as que actuar”.

Na vangarda contra o cancro

Na súa intervención no acto de inauguración, ao que tamén asistiu a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o conselleiro destacou a actividade dos cribados de cancro de mama, colorrectal e de cancro de cérvix, e remarcou “que o obxectivo da Xunta é situar a Galicia na vangarda do tratamento contra esta enfermidade”. A tal efecto, incidiu sobre dous dos proxectos postos en marcha polo Executivo galego. O Centro de produción de terapias avanzadas, “que permitirá elaborar novos fármacos innovadores e fomentar a atención personalizada dos pacientes”; e o Centro de protonterapia, do que a Xunta quere “que sexa o primeiro público de España en poñerse en marcha”, e que posibilita utilizar protóns para aplicar radiación directa a tumores afectando en menor medida a tecidos e órganos sans.

O conselleiro puxo en valor o esforzo da Xunta na mellora do equipamento para o diagnóstico e tratamento contra o cancro, coa renovación da alta tecnoloxía do Sergas, o que se viu reflectido na incorporación de catro aceleradores lineais de alta precisión, nove resonancias magnéticas, nove equipos de tomografía computerizada, 34 novos TAC, dous novos equipamentos de braquiterapia, e tres PET.

Xunto ao anterior, a Xunta instalou no 2021 os robots Da Vinci nas sete áreas sanitarias, “que reportan grandes beneficios para profesionais e pacientes”, como maior precisión e capacidade de movemento ao cirurxián, e menor dor postoperatoria e unha recuperación máis rápida ao doente.

Data de actualización: 27/02/2023