Sogama licita por máis de 3,7 M€ o acondicionamento e instalación de paneis fotovoltaicos no almacén de combustible do complexo de Cerceda

O contrato contempla a xestión integral de todo o proceso, desde a elaboración do proxecto de execución ata a posta en marcha da nova infraestrutura fotovoltaica

Cómpre subliñar que a enerxía que se obteña irá destinada a autoconsumo da planta de Sogama, reforzando así a aposta da empresa pública polas enerxías renovables

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023 Sogama remodelará integramente o tellado da nave de CDR (Combustible Derivado dos Residuos non reciclables) localizada no complexo medioambiental de Cerceda a fin de instalar no mesmo paneis fotovoltaicos e reforzar así a aposta da empresa pública por incorporar aos seus procesos as enerxías renovables.

Con este obxectivo, Sogama acaba de licitar hoxe, por un importe de 3.769.920 euros, IVE incluído, o contrato para a subministración, montaxe e posta en marcha dos devanditos paneis fotovoltaicos, incluíndo todas as accións que sexa necesario acometer. Neste sentido, inclúe desde a elaboración do proxecto de execución e correspondente cálculo de estruturas, ata a posta en marcha da instalación, que se configurará na modalidade de subministración para autoconsumo xa que o complexo cercedense dispón de suficientes consumidores como para absorber o total da enerxía xerada.

En canto á nave obxecto da actuación, trátase dunha estrutura de planta rectangular, cuberta a dúas augas e cunhas dimensións aproximadas de 212 x 42 metros destinada a almacenar o combustible derivado dos residuos non reciclables e preparada para alimentar as caldeiras da planta termoeléctrica, na que se xera enerxía suficiente como para abastecer ao 12 % dos fogares galegos.

Na cuberta da nave prevense dous campos fotovoltaicos distintos divididos por zonas e orientación da cuberta. Os módulos, que en todo caso deben ser de alta eficiencia e dispoñer de certificado de calidade, serán instalados coa inclinación de cada unha das augas, de tal forma que se adapten completamente á súa xeometría e non orixinen sombras entre elas.

A conversión entre a corrente continua xerada polos paneis á corrente alterna con tensión adecuada para a súa conexión á rede de distribución do complexo, realizarase mediante unha serie de inversores distribuídos pola planta, de tal forma que se minimicen os percorridos de cableado de corrente continua.

O prazo de execución establecido no propio contrato é dun máximo de 30 semanas e dun mínimo de 20.

Por último, cómpre lembrar que tomando como referencia o Pacto Verde Europeo, cuxo obxectivo é situar á UE no camiño cara a unha transición ecolóxica que permita alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050, Sogama traballa desde hai tempo, máis aló da súa actividade ambiental na xestión sostible dos residuos municipais, por incorporar as enerxías renovables aos seus procesos, apostando de cheo pola fotovoltaica.

 

Data de actualización: 27/02/2023