A Xunta inviste máis de 377.900 € no reforzo de equipamento deportivo de 68 entidades deportivas da provincia de Ourense

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de equipamento concedido a 31 clubs e federacións da cidade ourensá, o que supuxo un investimento de 164.800 euros

No conxunto de Galicia, estas entregas forman parte dos 4 M€ investidos en 714 clubs e federacións na segunda convocatoria desta orde de subvencións

O investimento total da Xunta o ano pasado en equipamento para o tecido deportivo suma unha dotación récord de 4,6 M€ nas dúas convocatorias destas axudas

O Goberno galego leva investidos nestas axudas máis de 10,3 M€ desde 2009 en apoio á compra de material de máis de 1.700 federacións e clubs deportivos

Ourense, 27 de febreiro de 2023 A Xunta investiu o ano pasado na provincia de Ourense máis de 377.900 euros na adquisición de novo material deportivo de 68 clubs, sociedades e seccións deportivas e federacións da provincia de Ourense. Na xornada de hoxe o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo hoxe entrega do material deportivo ás 31 entidades deportivas da cidade de Ourense que resultaron beneficiarias da segunda convocatoria do ano pasado da liña de axudas a equipamento deportivo e que supuxo un investimento por parte do Goberno galego duns 164.800 euros. Ao acto de hoxe tamén acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Na cidade de Ourense a maioría das entidades beneficiarias nesta segunda convocatoria foron clubs e sociedades deportivas pero tamén se inclúen tres federacións: a de Colombicultura, a de esquí náutico e a de hóckey. Ademais destas 3 federacións beneficiarias na cidade ourensá, na provincia tamén recibiu novo material a Federación Galega de Kickboxing e Muay Thai de Viana do Bolo.

En toda Galicia, as contías desta segunda convocatoria chegaron a 714 entidades deportivas da comunidade -18 federacións e 696 clubs ou seccións deportivas- que percibiron máis de 4 M€. Súmanse ás 97 xa beneficiarias da primeira convocatoria destas subvencións por un importe de 700.000 euros. Polo tanto, entre ambas ordes, o investimento histórico de 4,6 M€ o ano pasado permitiu dotar do material necesario para garantir o funcionamento de máis de 800 entidades deportivas.

Do mesmo xeito, na provincia de Ourense a maior parte da contía -305.170 euros- corresponde ao material cedido a 58 entidades deportivas na segunda convocatoria, incluídas as 4 federacións anteriores. No resto de provincias, na Coruña houbo 235 entidades beneficiarias desta segunda convocatoria con 1,3 M€ investidos na compra de equipamento, 94 na de Lugo por 516.600 euros e 312 na de Pontevedra por máis de 1,6 M€.

Na cidade de Ourense foron beneficiarios da segunda convocatoria desta orde de axudas 31 entidades de distintas disciplinas deportivas. Hai representación do hóckey -Asociación Deportiva Ourense Hóckey Club, Burgas Hóckey Club, Club Hóckey Barrocas e Club Hóckey Albor- ; fútbol -Escuela de Fútbol Feminino Rosalía, Ourense Club de Fútbol S.A.D e Unión Deportiva Ourense-; do voleibol -Club Ourense Volei Praia e Club Voleibol Ourense-; ou do montañismo - Asociación de Escaladores Ourensáns e Running Sport Trail-; Kickboxing -Asociación Escola de Kickboxing Cipri Gómes e Clube Deportivo Cipri Gomes.

Tamén recibiron novo material o Club Club Bádminton Athlos, o Club Ourense Baloncesto, o Club Turbo Box de boxeo, o Maese Riders Team de ciclismo, o Club Esquí Náutico Dummies, o Club Halterofilia Pabellón, o Club Hípico Coles, o Piragüismo Ourense, a Asociación Campus Universitario de Ourense Rugby, a Asociación Xadrez Ourensán Universitario e o Club Marusía Ourense de ximnasia.

Mesmo se atopan entre os beneficiarios equipos que acollen máis dunha disciplina como o Club Carmelitas Vedruna -baloncesto e fútbol-, a Asociación Deportiva Bosco Ourense -fútbol, baloncesto e bádminton-, o Club Natación Pabellón Ourense -natación e tríatlon- e o Club de Tiro Olímpico Eiroás -tiro olímpico e tiro con arco-.

Cómpre engadir que na primeira convocatoria destas axudas tamén foron beneficiarias outras entidades das que algunhas estiveron presentes no acto de hoxe. Trátase da Federación Galega de Ximnasia xunto co Club Deportivo La Purísima, o Club Deportivo Xadrez Ourense, o Club Ourense Atletismo, o Club Ximnasia Pavillón Ourense, o Club Deportivo Arenteiro, a escola de artes marciais Sam Mu Dojang e o Padelprix Ourense. 

Diego Calvo puxo en valor que a Xunta apoia o tecido deportivo da cidade ourensá coa entrega de equipamento destes clubs, sociedades e federacións. Inclúese tanto material específico para levar a cabo cada disciplina -bicicletas, embarcacións, arneses, portarías, palas...-; ademais doutro material básico como furgonetas ou material de ximnasio; e  material sanitario.

O vicepresidente segundo da Xunta lembrou que o Goberno galego leva investidos desde 2009 un total de 10,3 M€ a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias máis de 1.700 entidades.

Neste 2023, o orzamento da Vicepresidencia Segunda reserva 44 M€ ao ámbito deportivo, o que supón unha cifra récord. Unha parte importante destinarase á creación ou mellora de infraestruturas deportivas cunha dotación de 18 M€. Tamén se manterá o apoio ao tecido deportivo cunha achega de 7 M€. Desta contía, 2 M€ corresponden á orde de axudas ao funcionamento de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo que xa está publicada, mentres que os 5 M€ restantes aos convenios para colaborar con 59 federacións deportivas da comunidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2023