A Xunta desprega tres Polos Creativos en centros escolares de Tomiño, para fomentar a innovación educativa desde as aulas

O xefe territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez Ares, visita o Polo do colexio Plurilingüe de Tebra, que se une ao de Sobrada e ao instituto

Tomiño (Pontevedra), 27 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia impulsa tres Polos Creativos en Tomiño, nos colexios Plurilingüe de Tebra e de Sobrada e no instituto IES Antón Alonso Ríos. O xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, puxo en valor esta nova iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, con motivo dunha visita ao Polo Creativo do centro escolar de Tebra, que alberga tamén a radio escolar.

Os de Tomiño forman parte do total de 225 Polos Creativos implantados por primeira vez no presente curso (218 en colexios e institutos e sete nos Centros de Formación do Profesorado das catro provincias), aos que o Goberno galego destina un orzamento de 8 M€.

Están concibidos como espazos de innovación educativa nos que se traballan as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía e Matemática), a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Para ilo habilítase un espazo espazo físico específico, unha organización didáctica e a dotación de equipamento especializado para configurar, en cada colexio ou instituto, un centro de actividades que busca incrementar as competencias dixitais e científico-tecnolóxicas do alumnado.

A Xunta de Galicia dota estes centros de robots, equipamento audiovisual de última xeración, tabletas, materiais para corte, escaneado e impresión 3D e mobiliario específico, o que favorece o desenvolvemento de proxectos que pretenden fomentar a creatividade, a superación de retos e problemas e o deseño de prototipos e actividades a través dunha aprendizaxe conxunta e colaborativa que inclúe prácticas e investigacións cun importante apoio das novas tecnoloxías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2023