A Xunta convoca a través da Agasp 28 cursos básicos e de formación continua para persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias das accións formativas que se desenvolverán de xeito descentralizado en distintos concellos de Galicia
Arrinca así o plan formativo da Academia Galega de Seguridade Pública para 2023, que inclúe máis de medio cento de cursos con máis de 14.000 prazas para membros das forzas e corpos de seguridade e para persoal dos servizos de emerxencia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas convocatorias da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 28 actividades formativas dirixidas ao persoal das agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil (AVPC). Arrinca así o plan formativo en emerxencias deste ano, que inclúe máis de medio cento de cursos con máis de 14.000 prazas para membros dos corpos e forzas de seguridade, así como dos servizos de emerxencias.
Trátase de formación preceptiva para o exercicio das funcións de voluntario das AVPC e que se realizarán de xeito descentralizado para facilitarlles o acceso ás persoas interesadas. Así, acollerán edicións do curso os concellos da Coruña, Muxía, Santiago de Compostela, Maside, O Pereiro de Aguiar, Lugo, Monforte de Lemos, Taboada, Marín e Mos.
Preto de 300 cursos para persoal de emerxencias
Segundo o plan de formación previsto para 2023, o persoal dos servizos de emerxencias dispón de case 8.300 prazas para realizar máis de 12.000 horas lectivas nas 280 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para fomentar a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.
Nesta liña, o voluntariado de Protección Civil contará con máis de 3.500 prazas para 143 cursos nos que se inclúe formación básica obrigatoria, actividades de loxística, manexo de equipos e apoio en intervencións.