O titular de Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural reuníronse cos veciños desta parroquia, que se verán beneficiados por este proceso

A Xunta reorganizará preto de 2.050 hectáreas a través da concentración parcelaria de Freixeiro en Santa Comba, na que ten previsto investir máis de 6 M€

Este proceso beneficiará 706 veciños e permitirá ampliar a base territorial de 87 explotacións da zona decretada

Este municipio coruñés conta xa con 13 procesos de reorganización do territorio -contando o de Freixeiro- que supoñen a reestruturación de 12.270 hectáreas en beneficio de 7.335 veciños

Entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse 28 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan máis de 22.800 ha distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares

Entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas e beneficiaron preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade
 

Santa Comba (A Coruña), 25 de febreiro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e da alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, mantiveron hoxe unha reunión con veciños da parroquia de Freixeiro para presentarlles a nova concentración parcelaria decretada nesta zona. Así, o conselleiro destacou que este proceso permitirá reorganizar a estrutura territorial de case 2.050 hectáreas de superficie, beneficiando 706 titulares e cun orzamento previsto de 6,1 millóns de euros.  

Neste senso, José González sinalou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Precisamente, nesta parcelaria veranse beneficiadas desta reorganización territorial 87 explotacións.  

Ademais, este municipio coruñés conta xa con 13 procesos de reorganización do territorio -contando o de Freixeiro- que supoñen a reestruturación de 12.270 hectáreas en beneficio de 7.335 veciños. Así, do total de procesos, 11 xa están rematados,  1 en fase de acordo e o novo de Freixeiro. 

Por iso, remarcou o conselleiro, o obxectivo da Xunta é seguir decretando novas zonas de concentración parcelaria onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Para iso, a Consellería ten orzamentados 17 millóns de euros en 2023 para tal fin. 

A parcelaria de Santa Comba forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 ata a actualidade. Estas suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Concretamente, na provincia da Coruña foron 7 as decretadas nos concellos de Ordes, Boqueixón, Melide, Padrón, Tordoia, Touro e esta de Santa Comba.  

Así mesmo, o titular de Medio Rural puxo en valor que, entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 concentracións parcelarias -12 na provincia da Coruña-, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. Ademais, matizou, o obxectivo en ambos casos é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- neste primeiro semestre do ano.  

Lei de recuperación

Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu o conselleiro, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. 

Precisamente, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Data de actualización: 25/02/2023