A Xunta expón en Zúrich os detalles do Programa Retorna Cualifica Emprego, que ofrece 400 postos de traballo en Galicia para emigrantes e os seus descendentes

O secretario xeral da Emigración explicou, da man da entidade As Xeitosiñas, as liñas básicas desta medida, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e incluída na Estratexia Galicia Retorna 2023-26

Antonio Rodríguez Miranda estivo acompañado por representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas de xestionar esta iniciativa pioneira no eido laboral

O Goberno galego mantén aberto ata o 28 de abril o prazo de solicitudes das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), outra das medidas estrela de fomento do retorno
 

Zúrich (Suíza), 25 de febreiro de 2023

A Secretaría Xeral da Emigración, xunto ás fundacións Nortempo e Venancio Salcines, continuou hoxe en Suíza, da man da entidade As Xeitosiñas de Zúrich, a xira de presentación da nova Estratexia Galicia Retorna 2026 (ERG2026) polos diferentes países do mundo con importante presenza galega. Na reunión celebrada hoxe, á que asistiron case un centenar de galegos residentes nesta localidade do país helvético, Antonio Rodríguez Miranda salientou a dinamización do ámbito laboral como un dos piares nos que se asenta este documento integral, que busca atraer á Comunidade a 30.000 galegos do exterior ata 2026.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, sinalou o peso que o eido laboral ten no documento, que conta con 100 medidas para fomentar o retorno e un orzamento de máis de 450 millóns de euros.

 “Entre todas elas, cabe destacar as relativas ao ámbito laboral, xa que contar cun emprego facilita o éxito do regreso e as posibilidades de establecerse de xeito definitivo na nosa sociedade”, engadiu o responsable do departamento do Goberno galego. Por iso, 175 dos 450 millóns cos que conta a EGR2026 destínanse ao desenvolvemento de 37 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias.   

Formación e contrato indefinido

O obxectivo do Programa Retorna Cualifica Emprego é ofrecer formación e un contrato indefinido en Galicia para que 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina. O Goberno galego investirá case 4 millóns nesta iniciativa coa que se dá un novo chanzo para adaptar as necesidades do mercado laboral á man de obra que precisa, e que permitirá aos seus beneficiarios volver á súa terra de orixe cun contrato dunha duración mínima de 12 meses e unha axuda económica para financiar os gastos iniciais, tanto da viaxe de ida a Galicia coma outros de establecemento na Comunidade.

Esta novidosa iniciativa, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, levarase a cabo a través das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, as entidades encargadas da súa xestión e cuxos representantes expuxeron os detalles e os requerimentos para participar no programa.

Un mestrado en Galicia

A Secretaría Xeral da Emigración mantén aberto, así mesmo, o prazo de solicitudes das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que ofrecen axudas de entre 7.500 e 12.000 aos mellores expedientes universitarios de galegos do exterior para cursar un mestrado en Galicia. As persoas interesadas terán ata o 28 de abril para optar a unha destas bolsas.

A Estratexia Galicia Retorna 2023-26 duplica tanto en medidas como en orzamento ao anterior, posto en marcha en 2018 e que “marcou un punto de inflexión nas políticas de retorno levadas a cabo en España ata o momento”, segundo sinalou Miranda. Co obxectivo de seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior, o documento incide en catro áreas principais: asesoramento e seguimento, eido social, educativo e laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2023