A Xunta porá en valor en Madrid a calidade do produto diferenciado co selo Ternera Gallega Suprema
O conselleiro do Medio Rural, acompañado do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, participará nun evento o próximo luns na Casa de Galicia onde se poderán degustar as propostas de tres recoñecidos chefs
A iniciativa busca identificar a categoría Ternera Gallega Suprema como unha marca de calidade diferenciada resultado da tradición e do respecto ao medio ambiente, que destaca ademais como produto gastronómico versátil
Cabe lembrar nesta liña a campaña de promoción a nivel nacional impulsada pola Xunta en colaboración con Ternera Gallega, para aumentar a sensibilización e o consumo de Ternera Gallega Suprema, cun orzamento total de 1,4 millóns de euros
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, participará este próximo luns nun evento na Casa de Galicia en Madrid que ten como obxecto poñer en valor o produto diferenciado co selo Ternera Gallega Suprema. O acto vén suceder á campaña de promoción a nivel nacional impulsada pola Xunta en colaboración co Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Carne de Vacún de Galicia para aumentar a sensibilización e o consumo destas producións cárnicas.
Cabe lembrar que o produto distinguido co selo Ternera Gallega Suprema é o que procede de explotacións tradicionais con base territorial, con vacas nais e no que se garanten cando menos 7 meses de lactancia, dentro da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, que é o indicativo de calidade cárnico que máis certifica en España –case un 60%–. Así, destaca por ser unha marca de calidade diferenciada resultado da tradición e do respecto ao medio ambiente, que aposta polo benestar animal, pola biodiversidade e pola xestión do territorio.
Coa acción do próximo luns en Madrid dáse continuidade así á campaña lanzada a nivel nacional o pasado outono que tiña como principal obxectivo aumentar a sensibilización do público en xeral en relación con esta IXP e co consumo de vacún de calidade diferenciada. Unha campaña que contou cun orzamento global de 1,4 millóns de euros.