A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse recentemente co rexedor para abordar varios asuntos de interese municipal

A Xunta anima ao concello de Vilanova de Arousa a solicitar as axudas para a construción de puntos limpos que se convocarán este ano

En 2022 o Goberno galego ofreceu xa incentivos económicos para construír ou mellorar este tipo de instalacións municipais, da que se beneficiaron un total de 30 proxectos

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023.-

A Xunta de Galicia anima ao Concello de Vilanova de Arousa a solicitar este ano unha axuda autonómica para impulsar a construción dun punto limpo fixo no municipio que facilite o depósito e a recollida dos residuos domésticos especiais por parte da veciñanza.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Gonzalo Durán, no marco da reunión que mantiveron recentemente co fin de abordar asuntos de interese municipal relacionados coas súas competencias.

En concreto e tras coñecer o interese do Goberno municipal por dotarse dun punto limpo, Ángeles Vázquez avanzoulle ao rexedor que o seu departamento ten previsto convocar este ano unha nova orde de axudas destinada a apoiar ás entidades locais galegas na construción deste tipo de instalacións ou na mellora e acondicionamento das mesmas, no caso de concellos que xa conten con elas.

Neste sentido, a responsable autonómica lembrou que o ano pasado a Xunta tamén apostou por este tipo de subvencións, salientando a boa acollida que tivo o programa entre os concellos. De feito, indicou que se concederon incentivos económicos para apoiar un total de 30 proxectos en toda Galicia.

A día de hoxe máis de 2,2 millóns de galegos contan xa cun punto limpo fixo a menos de 10 minutos do seu domicilio, unha rede que se completa con decenas de instalacións móbiles co fin de que toda a cidadanía poida chegar a dispoñer deste servizo. Así, para facilitar aos concellos o cumprimento deste obxectivo a Xunta destinou nos últimos 4 anos un investimento de 7,7 millóns de euros a financiar un total de 137 proxectos municipais en materia de puntos limpos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2023