A Xunta e a Universidade de Santiago colaboran nun proxecto para a recuperación dunha planta ameazada en Corrubedo

Tras verificar a súa ausencia no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, levouse a cabo un proceso de repoboación da especie Iberodes littoralis nun dos seus hábitats naturais

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023.-

A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboran nun proxecto que ten como fin a repoboación da especie ameazada Iberodes Littoralis no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, unha zona na que historicamente estivo presente.

O último rexistro que se tiña da planta neste espazo natural databa do ano 2007, cando foran localizados pouco máis de 120 individuos. Por esta razón, o primeiro paso do proceso levouse a cabo o ano pasado e consistiu nunha inspección intensiva ao longo de todo o sistema dunar para confirmar que aínda quedaban exemplares na zona.

Nun primeiro momento, aínda que a prospección tivo lugar no seu período de floración —abril e maio—, non se atopou ningunha mostra da planta. Así, ante a ausencia de Iberodes Littoralis —recollida no Catálogo galego de especies ameazadas como Omphalodes littoralis subsp. Gallaecica— nun hábitat propicio para o seu desenvolvemento, procedeuse á recollida de sementes da especie en Porto do Son —que é onde se atopa a poboación desta planta máis próxima ao Parque Natural— para poder iniciar a súa restauración en Corrubedo.

Deste xeito, durante o mes de maio do ano pasado recolléronse unhas 2000 sementes procedentes da praia de Basoñas. Unha vez foron analizadas e tratadas, almacenáronse no Banco de Xermoplasma da USC ata o momento de reintrodución.

Para comezar a repoboación, dividiuse a zona nun total de 20 parcelas de 3 metros cadrados. Seleccionáronse as áreas mellor estruturadas, con máis recursos para a especie e con maior idoneidade de hábitat, segundo determinaron os estudos previos. Por último, iniciouse a fase de reinserción da planta. A totalidade das sementes foron plantadas polo equipo da USC encargado do proxecto entre o 7 e o 14 de outubro, co apoio sobre o terreo de persoal da Consellería asignado ao Parque Natural.

Despois, o labor baseouse en visitas das parcelas sementadas para comprobar o índice de xerminación. A análise determinou que, en todas elas, oscilaba entre o 27,03% e o 30,19% con independencia da zona da que foran extraídas ou do tamaño das sementes.

Esta acción, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con máis de 17.000 euros, reflicte o compromiso da Xunta de Galicia co mantemento, respecto e preservación do patrimonio natural. Grazas a ela, búscase asegurar a preservación desta especie vexetal incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas a través da súa recuperación nunha das zonas da Comunidade na que historicamente estivo presente.

A tal e fin e para comprobar que o sistema empregado funciona, nos vindeiros meses está previsto facer un seguimento das zonas do Parque Natural de Corrubedo nas que levou a cabo o proceso de reintrodución da especie para verificar sobre o terreo a evolución dos individuos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2023