A Xunta confirma os vogais elixidos no marco da renovación dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario

Ao non presentarse reclamacións ás votacións celebradas o pasado domingo, queda definitivamente establecida a repartición de vogais nas 15 entidades

Entre o vindeiro luns 27 de febreiro e o 10 de marzo realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023.-

A Xunta confirma os vogais elixidos no marco da renovación dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de novembro. Ao non presentarse reclamacións contra os resultados das votacións que se celebraron o domingo 19 de febreiro, queda establecida a repartición de vogalías nos 15 consellos reguladores que se renovan.

 

Cabe lembrar que o domingo procedeuse coas votacións en determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia.

 

Así, no caso do Consello Regulador das IXP das Carnes de Vacún de Galicia, Asogacarne ten 8 vogalías, a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) conta con 3, a Asociación de Gandeiros de Suprema ten 2 vogais, Unións Agrarias (UUAA) outros 2 e o Sindicato Labrego Galego (SLG) 1. Mentres, no Consello Regulador da IXP Mel de Galicia atribúense 6 vogalías á Agrupación Apícola de Galicia e 3 a Erica Mel Sociedade Cooperativa Galega.

 

No Consello Regulador da DO Monterrei, hai 2 vogais da Federación Rural Galega (Fruga), 2 para a Asociación Agraria de Galicia, outros 2 para Unións Agrarias e 1 vogal para Terras do Cigarrón. Respecto do Consello Regulador da DO Rías Baixas, quedarían 7 vogalías para a Asociación Empresarios Bodegueros y Viticultores Rías Baixas, 5 para a Asociación Agraria de Galicia, 4 para a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), 2 vogais de Sindicato Labrego Galego e outros 2 para a Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas. Mentres, Unións Agrarias e a Asociación Adegas do Salnés teñen 1 vogal cada unha.  

 

No Consello Regulador da DO Ribeiro, quedan 3 vogais para a Asociación Agraria de Galicia, 3 vogais para a Cooperativa Viña Costeira, 2 para Unións Agrarias, 1 vogal para Candidatura Independente de Adegas e outro vogal para a Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal. Por último, no Consello Regulador da DO Valdeorras, 2 vogais son para a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), outros 2 para a Candidatura Independente Viticultores Independentes Valdeorras, 1 vogal para a Candidatura Independente por unha DO Valdeorras de Prestixio e Calidade, outra vogalía para a Candidatura Independente Ruvirco, outro vogal para a Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras e un último para o SLG, logo do sorteo realizado pola Xunta Electoral ao estar esta candidatura empatada en votos coa de Asaga.  

 

Resto de consellos reguladores que non foron a eleccións

Esta repartición de vogais xa se tiña decidido no caso doutros nove consellos reguladores,  con censos onde se presentaron candidaturas únicas ou nos que, habendo máis dunha candidatura, a totalidade das proclamadas chegaron a acordos electorais de repartición de vogalías.

 

Así, na denominación de orixe Ribeira Sacra, corresponden 8 vogais á Candidatura Independente de viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra, 3 á Candidatura independente dos vitivinicultores de Ribeira Sacra e 1 á Candidatura Independente e viticultores non comerciais. Mentres, no Consello Regulador das indicacións xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia a Candidatura profesional Augardentes e Licores de Galicia foi a única presentada, logrando un total de 10 vogais.

 

No caso dos queixos, a denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa ten 2 vogais para Unións Agrarias e 1 para a Asociación Agraria de Galicia, no caso dos produtores; mentres na industria hai 3 vogalías para a Candidatura Independente Pequenas Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa e outras 3 para a Candidatura Independente Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa. Na DOP Queixo Tetilla quedan tamén 2 vogais para UUAA e 1 para a Asociación Agraria de Galicia, no caso do sector produtor; mentres no industrial houbo unha candidatura única correspondente a Queixerías da DOP Queixo Tetilla, que ten 5 vogais. Na DOP San Simón da Costa, pola súa banda, hai 2 vogais de Unións Agrarias no caso dos produtores e 5 para a candidatura independente Queixeiros de San Simón no das industrias.

 

Na IXP Pataca de Galicia, no sector produtor UUAA ten 2 vogalías, e Asaga, Fruga e SLG contan con 1 vogal máis cada un; mentres no sector industrial a Candidatura Independente Envasadores de Pataca de Galicia ten 5 vogais. Na IXP Pan de Cea houbo unha candidatura única denominada Candidatura Independentes de Cea, con 4 vogais, no único censo de elaboradores.

 

Na indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, a repartición é de senllos 3 vogais tanto para Unións Agrarias como para a Asociación Agraria de Galicia, no caso da produción; mentres no sector industrial a candidatura única correspondente á Candidatura Independente Procesadores de Castaña de Galicia queda con 6 vogais. Para rematar, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), no sector produtor, repártense 2 vogais para UUAA, outros 2 para Asaga e outros 2 para o SLG. No sector industrial, a Asociación Clúster da Alimentación Ecolóxica de Galicia, única presentada, queda con 7 vogais.

 

Entre o 27 de febreiro e o 10 de marzo realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias.

 

Enlace á web de Medio Rural con información sobre o proceso electoral: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/alimentacion/eleccions-consellos-reguladores-2023

 
Data de actualización: 24/02/2023