Román Rodríguez abre vías de colaboración con Prime Video para o incremento do uso do galego na plataforma

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse co xefe de Contidos de Prime Video España, Ricardo Cabornero, para abordar vías de colaboración conxunta dirixidas a aumentar a inclusión de producións audiovisuais en galego na plataforma. Na xuntanza, na que tamén participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, a subdirectora da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Lourdes Batán, e a responsable de Relacións Institucionais de Prime Video, Chelo Abarca, acordouse como paso previo a elaboración dunha listaxe de filmes en versión orixinal galega a partir das obras depositadas na Filmoteca de Galicia.

 

Ao encontro incorporáronse así mesmo Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos de Ficción Producciones, cos que se valorou o éxito de difusión que están a ter as series desta produtora compostelá dispoñibles xa actualmente no servizo de streaming de Amazon. Esta alianza, que se iniciou en xaneiro de 2021 con 3Caminos, a grande aposta audiovisual da Xunta de Galicia para a promoción do Xacobeo e do Camiño de Santiago, continúa con outros títulos como Una historia de crímenes e as dúas temporadas de Operación Marea Negra, proxectos todos eles apoiados tamén polo Goberno galego.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2023