Conde subliña que a esencia de Ignicia é lograr que a ciencia excelente galega teña un impacto positivo na competitividade económica e no benestar social

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá na Coruña ao Foro Ignicia 2023

A Xunta de Galicia crea o comité asesor de Ignicia para consolidar o programa e poder dar un salto de calidade que permita aspirar a novos obxectivos

Un dos principais retos do ecosistema de I+D+i é sacar a ciencia dos laboratorios para que todo o coñecemento chegue ao mercado

A Coruña, 24 de febreiro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá na Coruña ao Foro Ignicia 2023 onde subliñou que a esencia deste programa é lograr que a ciencia excelente que se produce en Galicia teña un impacto positivo na competitividade económica e no benestar social.

Na xornada abordouse un dos principais retos do ecosistema de I+D+i que é sacar a ciencia dos laboratorios e conseguir que ese coñecemento chegue ao mercado e ao tecido produtivo transformándose en valor económico e social. Neste sentido, a transferencia de coñecemento é unha das prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e é a vía para atopar solucións a retos vinculados á transición enerxética e dixital. Desafíos para os que a cidade da Coruña goza dunha importante posición como sede da futura Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial.

Conde puxo en valor o ecosistema galego no que hai máis persoal que nunca -cun incremento dos investigadores en preto dun 22% entre 2017 e 2021-; cun crecemento desde 2014 da investigación de case o dobre que a media española; ou coa creación de 104 spin-offs nos últimos cinco anos (máis do 10% de toda España).

Para continuar nesta senda, o vicepresidente económico explicou que unha das principais novidades do Ignicia é a creación dun comité asesor, con profesionais de recoñecida valía que permitirá consolidar o programa e dar un salto de calidade para aspirar a novos obxectivos.

Balance

Conde explicou que desde a posta en marcha deste programa apoiáronse 23 proxectos dos que 12 xa están no mercado a través de tres acordos coa gran industria e nove licenzas das spin off creadas que supuxeron a creación de máis dun cento de empregos de alta cualificación e a captación de 13M€. A estes proxectos haberá que sumar o apoio que recibirán oito novas propostas na convocatoria que pechará o 28 de febreiro e que está dotada con 3,96M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023