O titular de Medio Rural reuniuse cos veciños deste municipio, que se verán beneficiados por estes procesos

A Xunta reorganizará unha superficie dunhas 2.450 hectáreas no concello de Outeiro de Rei, a través de dúas novas concentracións parcelarias

Estes procesos, o de San Fiz de Paz e o de Arcos-Sobrada de Aguiar-San Lourenzo de Aguiar, beneficiarán 833 veciños e permitirán ampliar a base territorial de 125 explotacións das zonas decretadas, cun orzamento previsto de 7,3 millóns de euros

Tamén se impulsará unha zona de permutas de especial interese agrario, no marco da Lei de recuperación, na liña das implementadas en Friol

Entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse 28 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan máis de 22.800 ha distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares

Entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas e beneficiaron preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade

Outeiro de Rei (Lugo), 24 de febreiro de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, mantiveron hoxe unha reunión con veciños para presentarlles as dúas novas concentracións parcelarias decretadas neste municipio.

Así, o conselleiro destacou que estes procesos permitirán reorganizar a estrutura territorial de 2.451 hectáreas de superficie, beneficiando 833 titulares e cun orzamento previsto de 7,3 millóns de euros. Así mesmo, segundo o tratado no encontro, tamén se impulsará unha zona de permutas de especial interese agrario, no marco da Lei de recuperación da terra, na liña das implementadas en Friol.

Concretamente, na zona de San Fiz de Paz reorganizarase unha superficie de 1.146 hectáreas distribuídas en 1.678 parcelas, propiedade de 313 veciños. No tocante á zona de Arcos-Sobrada de Aguiar-San Lourenzo de Aguiar, reestruturarase unha superficie de 1.305 hectáreas distribuídas en 3.039 parcelas, propiedade de 520 veciños.

Neste senso, José González sinalou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Precisamente, nestas dúas parcelarias veranse beneficiadas desta reorganización territorial 125 explotacións.

Por iso, remarcou o conselleiro, o obxectivo da Xunta é seguir decretando novas zonas de concentración parcelaria onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Para iso, a Consellería ten orzamentados 17 millóns de euros en 2023 para tal fin.

As parcelarias de Outeiro de Rei forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 ata a actualidade. Estas suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Concretamente, na provincia de Lugo foron 10 as decretadas nos concellos de Abadín, Friol, Castro de Rei, Becerreá, Castroverde, Cospeito e Outeiro de Rei.   

Así mesmo, o titular de Medio Rural puxo en valor que, entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 concentracións parcelarias -nove na provincia de Lugo-, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. Ademais, matizou, o obxectivo en ambos casos é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- neste primeiro semestre do ano.

Lei de recuperación

Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu o conselleiro, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Nese senso, en Outeiro de Rei tamén se impulsará unha zona de permutas de especial interese agrario, na liña das implementadas nunhas 400 hectáreas do concello de Friol. Precisamente, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a esas permutas, a 21 polígonos agroforestais e a 21 aldeas modelo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023