Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural interviñeron na Comisión 7ª do Parlamento

A Xunta leva investido arredor de medio millón de euros nos últimos anos para a produción nos seus viveiros forestais

José Luis Chan avanzou que estiman producir arredor de 17.000 plantas anuais, unha estimación orientada principalmente cara ás frondosas autóctonas, como o carballo ou o castiñeiro, e as coníferas de alta calidade xenética, especialmente o piñeiro

Lembrou tamén que, no marco do Plan Forestal de Galicia, a Xunta aposta por potenciar a actividade nos viveiros, como fórmula para conservar os recursos xenéticos e para dispoñer de planta en cantidade, calidade e sanidade

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023 Dentro do Plan Forestal de Galicia, a Xunta aposta por potenciar a actividade nos viveiros, como fórmula para conservar os recursos xenéticos e para dispoñer de planta en cantidade, calidade e sanidade. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural leva investido arredor de medio millón de euros nos últimos anos en diferentes actuacións relacionadas cos seus viveiros da Falmega (Oroso), Santa Cruz (Oleiros) e Sambreixo (Guitiriz). Así, estímase producir arredor de 17.000 plantas anuais, unha estimación orientada principalmente cara ás frondosas autóctonas, como o carballo ou o castiñeiro, e as coníferas de alta calidade xenética, especialmente o piñeiro. Así o explicou hoxe o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento sobre esta cuestión.

O director xeral destacou que esta planta terá diferentes destinos, entre eles a execución de traballos e ensaios de conservación e manexo dos recursos xenéticos forestais, as repoboacións de devasas (faixas cortalumes) e de montes de xestión pública ou o seu uso en actos institucionais ou para doazóns con fins educativos e ambientais (por exemplo, para conmemorar datas como o Día da árbore ou semellantes).

Ademais, José Luis Chan salientou que de cara ao futuro, a Xunta prevé investir uns 200.000 euros anuais nesta materia, no período de execución ente os anos 2023 e 2027, chegando a un investimento total de un millón de euros ao final do período. Nesta liña, trasladou que tamén se potenciarán os viveiros dos Trollos, localizado no concello lugués de Bóveda, e da Chaira, situado no municipio ourensán do Pereiro de Aguiar.

Ademais, segundo explicou, o principal obxectivo destas actuacións pasa por afianzar as actividades a desenvolver nas instalacións dos viveiros, adaptándoas ás necesidades actuais, ademais de enmarcar estas nos obxectivos e medidas establecidas na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia “Cara á neutralidade carbónica”.

Así, o Eixo I do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 refírese á contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais. Neste sentido, contempla crear o informe de rede de parcelas de alto valor xenético e xestión de materiais de base que, a través desta conservación ex situ dos recursos xenéticos, permitirá asegurar a calidade do material forestal xenético subministrado, fixando como indicador a creación dun total de 20 parcelas no período 2021-2025. Entre finais do ano 2021 e principios do 2022 quedaron instaladas nos viveiros xestionados pola comunidade novas parcelas que se encadran no Plan de conservación e mellora xenética forestal. Estes hortos de semente e coleccións afondan na coordinación entre os viveiros forestais xestionados e o Centro de Sementes da comunidade autónoma.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, tamén participou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento, respondendo a unha pregunta sobre concentracións parcelarias. Durante a súa intervención, lembrou que no ano 2008 a xunta local aprobou as bases definitivas da zona de Catoira, que foron notificadas aos propietarios. Logo desta notificación, e ante as solicitudes de modificación de bases e expedientes por cambios de titularidade -entre outras cuestións-, optouse pola segregación da zona no ano 2011 e dividiuse o terreo en dous sectores independentes: Catoira Norte e Catoira Sur. 

Segundo explicou Inés Santé, optouse por elaborar unhas novas bases no caso da zona sur de Catoira, cun orzamento de máis de 342.000 euros; e de adecuar e revisar as bases existentes en Catoira Norte, cun importe de máis de 155.000 euros. Estes traballos inclúen, entre outros, o levantamento topográfico cando sexa necesario e a mellora na clasificación de terras. Informarase aos veciños destas zonas mediante reunións informativas cando comecen os traballos, segundo sinalou.

Data de actualización: 24/02/2023