A Xunta inicia esta semana traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada OU-533 na Gudiña

Na provincia de Ourense, continuarán as tarefas de limpeza xa iniciadas na estrada OU-801, nos concellos de Padrenda e de Ribadavia

Proseguirán os labores na autovía AG-59, en Teo; e na vía de altas prestacións CG-2.1, entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro

Na provincia de Pontevedra avanzarán as intervencións nas vías de altas prestacións VG-4.5, en Moaña e Cangas; e na VG-4.7, en Carril e Baión

O Goberno galego leva investido 8,3 M€ desde 2018 en actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, a través da encomenda á empresa pública Seaga

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2023

A Xunta iniciará esta vindeira semana traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada OU-533 ao paso polo concello da Gudiña.

Continuarán, ademais, na provincia de Ourense as tarefas de limpeza xa iniciadas na estrada OU-801, nos concellos de Padrenda e de Ribadavia.
 
Na provincia de Lugo continuarán os traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro; e na estrada LU-152, que conecta Foz e Ferreira de Valadouro.
 
Estas intervencións tamén proseguirán nas vías autonómicas da provincia da Coruña, concretamente na autovía AG-59, en Teo.
 
Na provincia de Pontevedra seguirán as tarefas iniciadas nas vías de altas prestacións VG-4.5, en Moaña e Cangas; e na VG-4.7, en Carril e Baión.

Control de biomasa e seguridade viaria

Estas actuacións, impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, enmárcanse no contrato coa empresa pública Seaga, cun investimento de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas.

As novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Como novidade, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 tense investido 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2023