A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou hoxe na reunión do organismo

A Xunta constitúe o Consello da calidade do aire de Galicia co obxectivo de optimizar o intercambio de ideas e a información que se ofrece á cidadanía

Este novo órgano está formado por todas as partes interesadas nesta cuestión para canalizar as súas expectativas, valoracións e suxestións neste eido


A Comunidade conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de toda España, grazas a un continuo proceso de renovación e optimización, e os datos recollidos determinan que mantén desde hai anos unha boa calidade do aire
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023 A Xunta constituíu hoxe o Consello da calidade do aire de Galicia, que ten o obxectivo de optimizar o intercambio de ideas e a información que se ofrece para facilitar a comprensión por parte da cidadanía dos efectos da contaminación atmosférica na súa saúde e na degradación dos ecosistemas, así como das formas que teñen de mellorala.

 

Galicia conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de toda España, grazas a un continuo proceso de renovación e optimización, e os datos recollidos determinan que a Comunidade mantén desde hai anos unha boa calidade do aire. Neste punto, a Xunta tense marcado o obxectivo de seguir mellorando tanto a cobertura xeográfica dos datos de contaminantes como a información que subministra á cidadanía nesta cuestión, co obxectivo de protexer a saúde e o benestar da poboación galega e co reto de achegarse aos criterios e estándares máis ambiciosos que se propoñen a nivel internacional.

 

E, nesa liña, constrúese unha estrutura de comunicación con todas as partes interesadas -Administración autonómica e local, universidades, organizacións de carácter ambiental seleccionadas entre as inscritas no Rexistro galego de Entidades de Carácter Ambiental, e Confederación de Empresarios de Galicia- para canalizar as súas expectativas, valoracións e suxestións de cara a seguir mellorando a calidade do aire na Comunidade.

 

Este consello, instituído como órgano colexiado de asesoramento da Xunta, ten como funcións propoñer medidas para fomentar o intercambio de información de interese neste eido; colaborar na análise da implicación na saúde das persoas e na calidade dos ecosistemas; impulsar accións para informar á cidadanía; suxerir a adopción de medidas lexislativas; colaborar na análise de actuacións nos casos de episodios de contaminación atmosférica; propor medidas para fomentar a investigación e o estudo, e avaliar as propostas lexislativas do Goberno galego nesta materia.

 

Deste xeito, na reunión constitutiva celebrada hoxe, na que estiveron presentes a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presentouse o Protocolo de actuación fronte a episodios de contaminación atmosférica.

 

Este novo protocolo, actualizado en base aos criterios acordados na Comisión Sectorial de Medio Ambiente, inclúe o establecemento de tres fases de actuación cando se produzan episodios de alta contaminación. Así, en cada fase establécense os limiares de activación, o responsable de activala en cada caso, as actividades de preparación para a súa mitigación, o tipo de información á poboación e as canles para comunicala de xeito máis efectivo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023