A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a casa niño e a casa do maior do concello de Aranga

A Xunta publica unha nova convocatoria de casas niño para a creación de 50 prazas máis de conciliación no rural

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta nova convocatoria que conta cun orzamento de 900.000 euros e que permitirá a creación de dez novos centros

Aranga (A Coruña), 24 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria de casas niño para a creación de 50 prazas máis de conciliación no rural. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a casa niño Tartaruga, situada no concello de Aranga, onde puxo en valor este tipo de servizos que permiten ofrecer atención a nenos de 0 a 3 anos, 100% gratuíta para as familias e en concellos sen escola infantil.

 

A conselleira apuntou que o Goberno galego habilitou preto de 900.000 euros para a creación de dez novos centros que se sumarán aos 95 xa existentes por toda a Comunidade. Deste xeito, seguirase apostando por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.

 

Así mesmo, Fabiola García apuntou que Galicia segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Coidado, que ofrece un apoio para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación e que no pasado ano beneficiou a 5.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou da gratuidade de todas as escolas infantís para todos os fillos e independentemente da titularidade do centro.

 

Visita á casa do maior

A conselleira aproveitou a súa visita a esta casa niño de Aranga para saudar tamén aos usuarios da casa do maior desta localidade. A través deste centro, o Goberno galego impulsa a atención diúrna a persoas maiores. Desde o ano 2018 a Xunta financiou a creación de máis de 100 casas do maior por toda Galicia, que ofrecen un total de 520 prazas de atención en concellos pouco poboados do rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023